Como pagar menos impostos: autónomo ou Sociedade Limitada?

As principais diferenzas á hora de tributar como autónomo ou sociedade limitada
Son frecuentes as consultas de profesionais e empresarios que tributan no IRPF como autónomos e que contemplan a posibilidade de tributaren como sociedade limitada. A factura fiscal no IRPF é moito máis alta que no imposto sobre sociedades a partir dun determinado baremo de ingresos, polo que escoller entre unha forma de tributación ou a outra é a dúbida eterna para moitos autónomos freelance que poden elixir entre o imposto sobre a renda das persoas físicas ou o imposto sobre sociedades. Antes de nos metermos nas comparativas, debemos ter claro que o profesional que se formula esta posibilidade pode escoller pero, por exemplo, un traballador por conta allea dunha empresa cun salario elevado non vai ter esta opción xa que obrigatoriamente os seus ingresos por traballo son iso, ingresos por traballo, e aí non existe lugar a dúbidas. Por contra, un deseñador, un xornalista e outros profesionais si poden proporse esta opción.
Báner superior Clic Pay Báner superior Clic Pay
Autónomos e pemes
Tes a opción de financiar os pagamentos máis habituais do teu negocio.

A busca do punto de equilibrio entre renda e sociedades

Para o imposto sobre sociedades, os beneficios netos, tributan a tipo fixo do 25 %. Esta porcentaxe do 25 % aplícase como norma xeral e supómola nese nivel sen considerar casos nos que poidamos diminuír este tipo impositivo mediante algún tipo de dedución.

Xa que no IRPF se tributa de maneira progresiva e se teñen en consideración as circunstancias persoais e familiares, debemos determinar a partir de que intervalo é formulable a tributación no imposto sociedades. Os tipos impositivos do imposto sobre a renda das persoas físicas son os seguintes en función da base impoñible:

  • Ata 12.450,00 euros: 19%
  • Desde 12.451,00 euros a 20.200,00 euros: 24%
  • Desde 20.201,00 euros a 35.200,00 euros: 30%
  • Desde 35.201,00 euros a 60.000,00 euros: 37%
  • Desde 60.001,00 euros en diante: 45%

Con estas porcentaxes, a tributación do 25 % pola base impoñible obtense na declaración da renda cunha base impoñible de 41 400 euros, no suposto de ser solteiro e sen minusvalía algunha. A esta base impoñible restaríaselle o mínimo persoal exento de tributación que é de 5.151 euros para este ano, co cal teriamos unha base impoñible efectiva de 36 250 euros.

É dicir, se o meu rendemento íntegro de actividades económicas é superior a 41 400 euros, pagarei menos impostos se tributo polo imposto de sociedades que polo imposto sobre a renda. Para chegar á nosa base impoñible de equilibrio, basta con usarmos algún simulador do IRPF para obter esta cifra. A base impoñible pola que tributo no IRPF pódese consultar no recadro 620 da declaración da renda. Teñamos en conta que falamos sempre da base impoñible xeral.

Como abaratar a miña factura fiscal co imposto de sociedades

Se a miña base impoñible xeral do IRPF é superior aos 41.400 euros, pensar en crear unha sociedade para facturar os meus ingresos como persoa xurídica é unha tarefa que me vai permitir pagar menos impostos sen saír da legalidade vixente. Canto máis afastada estea a miña base impoñible real desta cifra, máis me vai interesar constituír a miña sociedade.

Non obstante, a retirada de diñeiro dunha sociedade tributa como dividendo na declaración da renda ao 18 % (19 % a partir de 6.000 euros) e, para terminar de cadrar o círculo, a sociedade debe pagarnos unha nómina como administradores dentro dos labores de dirección e xestión da empresa.

Báner central Clic Pay Báner central Clic Pay
Límite de crédito Click & Pay
Para pagamento de impostos, nóminas e provedores.

Imaxinemos que desempeño varias actividades empresariais en renda que me reportan uns beneficios íntegros de 75 000 euros anuais. A situación ideal é que a sociedade me pague un soldo anual que non exceda de 41 000 euros. Estes 41 000 euros iniciais tributarán por IRPF a un tipo impositivo global inferior ao 25 %, a nivel persoal terei os meus ingresos cubertos sen necesidade de recorrer a un reparto de dividendos e a sociedade tributará pola diferenza ao tipo efectivo do 25 %.

Constituír unha sociedade ten uns gastos, aproximadamente uns 700 euros e require ao mesmo tempo maiores obrigas documentais e formais. Se non estamos moi postos en materia fiscal, debemos encomendar os labores de xestión da sociedade a un bo asesor. Polo tanto, coma norma xeral, a nivel de asesores fíxase o límite de equilibrio fiscal en 50 000 euros de base impoñible no IRPF. Se na nosa declaración da renda a base impoñible é superior a 50 000 euros, é interesante constituír unha sociedade, para cifras inferiores non paga a pena.

Outra cuestión é se a sociedade dá maior cobertura xurídica ou non e se é máis interesante por cuestións legais; tema que queda fóra do obxectivo de equilibrio fiscal que é o caso proposto aquí.

CTA Clic Pay CTA Clic Pay
Empresas - Tamén che podería interesar Empresas - Tamén che podería interesar

Tamén che podería interesar

  • Contámosche cales son os distintos criterios para clasificar unha empresa en función do seu tamaño.
  • Explicámosche como axudan a establecer os impostos que debe pagar cada traballador en función dos seus ingresos
  • Contámosche todos os detalles que precisas saber sobre esta asociación estratéxica temporal.