Contrato un seguro de saúde privado?

É posible que vos preguntedes se vos interesa contratar un seguro médico privado que complemente a asistencia da Seguridade Social

Cun bebé na casa, as visitas ao médico son frecuentes. Durante o primeiro ano hai que o levar regularmente ao pediatra para que revise a súa evolución e, de camiño, resolver as dúbidas que nos xorden. Ademais, acudimos rapidamente en canto o bebé se pon malo, porque é tan pequerrechiño que a súa saúde non nos deixa durmir tranquilos. Na sanidade pública temos garantida a asistencia durante as 24 horas do día, pero algúns pais optan tamén por contratar un seguro privado de saúde para complementar a atención.

As características dun seguro médico privado son:

1. Ofrecen un variado cadro médico e diferentes centros de asistencia para poder elixir o médico e o horario que se adapte mellor ás necesidades de cada persoa.

2. Pódese acudir ao especialista sen ter que pasar antes polo médico de cabeceira.

3. Ao asistir ao especialista sen pasar antes polo médico de cabeceira, moitas veces redúcese o tempo necesario para conseguir un diagnóstico.

4. O ingreso é sempre en cuartos individuais.

5. Algunhas aseguradoras teñen un teléfono 24 horas ao que se pode chamar para resolver dúbidas e así decidir se fai falta ou non ir ao médico ou ao hospital.

6. Algunhas aseguradoras ofrecen unha atención personalizada, por exemplo: unha enfermeira vai chamado os pais para lembrarlles as revisións médicas do bebé.

7. Algúns seguros inclúen a cobertura dental ou dan a posibilidade de engadila por un pequeno extra. Pode ser interesante porque os tratamentos bucodentais adoitan ser caros.

Antes de contratar un seguro médico, convén informarse ben sobre as coberturas e posibles copagamentos para escoller a modalidade que máis interese.

8. Moitas aseguradoras teñen cobertura fóra de España, unha opción interesante se se viaxa ao estranxeiro. Na Unión Europea, a Seguridade Social cobre a atención coa Tarxeta Sanitaria Europea, que se solicita con cita previa nos centros de atención e información da Seguridade Social (CAISS), pero fóra de Europa é necesario contratar un seguro privado.

9. As aseguradoras adoitan ter diferentes modalidades de contratación (con ou sen franquía, con ou sen probas médicas, etc.) para que o usuario poida axustar o prezo do seguro á súa situación financeira.