Mellorar a seguridade dos nenos no coche

Contámosche cales son os sistemas de suxeición existentes e os tipos de cadeiras de protección que esixe a lei

Segundo os últimos datos da DXT, o uso dun sistema de retención infantil (SRI) no automóbil reduce o risco de morte nun 75 % e o risco de lesións nun 90 %. As cadeiras de seguridade para o automóbil clasifícanse en función do peso ou a altura do neno.

1. Coche novo? Con sistema Isofix

Cando nace un fillo, algunhas familias contemplan a posibilidade de cambiar de coche, sobre todo para ter un maleteiro máis grande no que caiba o carriño e os accesorios que fan falta cando se viaxa cun bebé.

Na actualidade, recoméndase suxeitar as cadeiras de seguridade do automóbil cun sistema de seguridade chamado Isofix mediante unhas ancoraxes que hai no vehículo.

Todos os coches novos incorporan ancoraxes deste tipo para, polo menos, dúas cadeiras. De feito, a DXT di no seu web que “Con carácter xeral, os turismos novos vendidos actualmente deben contar con polo menos dous asentos equipados con dúas ancoraxes inferiores Isofix e unha ancoraxe superior Isofix”.

Pero, se compras un coche de segunda man, é importante que comprobes que dispón deste sistema para instalar a cadeira do bebé, xa que, co tempo, as cadeiras de coche que se suxeitan co cinto de seguridade deixarán de se utilizar, aínda que por agora están permitidas pola lei.

Ademais, é importante comprobar que o vehículo teña bos sistemas de protección ante impactos frontais e laterais.

O sistema Isofix consiste en:

  • Dúas ancoraxes situadas entre o respaldo e o asento do coche que se enganchan á cadeira do bebé pola parte posterior da súa base.
  • Un terceiro punto de ancoraxe, cuxa finalidade é que a cadeira non rote en caso de impacto e que non venza cara a diante polo propio peso do bebé. Este punto pode estar no coche de dúas maneiras:
    • Top Tether: suxeita a parte posterior da cadeira á parte traseira do respaldo do asento do coche ou ao maleteiro do vehículo.
    • Pata de apoio: é un mecanismo que conecta a base da cadeira co chan do coche.

Ao ancorar a cadeira ao coche co Isofix, evítase que unha cadeira suxeita co cinto de seguridade poida ir mal montada (e non sexa efectiva en caso de accidente).

2. Sistemas de retención infantil (SRI) obrigatorios

A Lei establece que, ata unha altura de 135 centímetros, o neno debe viaxar cun sistema de protección homologado e adaptado ás súas características.

Actualmente en España conviven dúas normativas:

  • A EC R44, que clasifica as cadeiras en cinco grupos: 0, 0+, 1, 2 e 3. Hai cadeiras que combinan os grupos 0+ e 1 e incluso o 2.
  • A ECE R129 I-Size, que entrou en vigor en 2013 e clasifica as cadeiras segundo a altura. As cadeiras I-Size deben superar unha proba de impacto lateral adicional.

A normativa coa que se homologou unha cadeira concreta está indicada na súa etiqueta de homologación.

Nas cadeiras I-Size o fabricante indica o intervalo de estatura para a cadeira.

Cando acabe o período de convivencia de ambas as normas só se poderán adquirir cadeiras de tipo I-Size que fomentan o uso do Isofix.

Grupo 0 e 0+ ata 13 kg

  • Son cadeiras convertibles (deseñadas para seren usadas por nenos de distintas idades) ou berces portátiles.
  • O berce portátil débese colocar perpendicular á marcha, ocupando dúas prazas e quedar suxeito polo cinto de tres puntos.
  • As cadeiras deben ser utilizadas sempre en sentido contrario á marcha para aumentar a protección da cabeza, o pescozo e a columna do bebé.
  • As cadeiras deben incluír un arnés de cinco puntos para suxeitar o bebé. O seu peche central ten que quedar no centro do tórax do neno, nunca no abdome nin no pescozo.
  • Hai que cambiar de cadeira e, polo tanto, de grupo, cando o neno supere o peso indicado (13 kg) ou cando a cabeza sobresaia do respaldo da cadeira.

I-Size 40 – 87 cm

Para bebés con altura de 40 a 85 cm, as cadeiras ancóranse ao asento mediante o sistema de suxeición Isofix. Levan arneses para suxeitar o bebé e deben instalarse sempre no sentido contrario á marcha.

Grupo 1 (9 a 18 kg aproximadamente)

  • Son cadeiras algo máis altas que as do grupo 0.
  • O arnés de suxeición ten que quedar totalmente pegado ao corpo do neno.
  • É importante asegurarse de que a estrutura da cadeira non permita ao bebé sacar os brazos por fóra, para evitar que solte algunha agarradoira accidentalmente.

I-Size ata 105 cm

Portabebés con arneses e suxeición con ancoraxes Isofix para levar o neno máis tempo en sentido inverso á marcha, o que mellora a súa seguridade.

Grupo 2 (ata 25 kg) e grupo 3 (ata 36 kg) /I-Size 105 a 135 cm

  • Desde xullo de 2017, os nenos que midan menos de 125 cm de altura deben utilizar elevador con respaldo.
  • A cadeira debe elevar o neno ata que o cinto se lle axuste ao corpo. A banda diagonal ten que pasar pola clavícula e polo ombro sen tocar o pescozo. A banda horizontal ten que ir o máis preto posible das cadeiras e as coxas, nunca sobre o abdome.
  • As cadeiras I-Size suxéitanse con ancoraxe Isofix.

A partir de 135 centímetros de altura

  • Legalmente, a partir 1,35 metros o neno pode viaxar sen alza suxeito polo cinto do coche, pero é recomendable usar un SRI homologado ata os 1,50 metros.

3. Nenos diante só se non hai outra opción

Ata hai pouco, os menores de 12 anos podían ir no asento dianteiro, cun sistema de retención se eran máis baixos de 135 cm e só co cinto se eran máis altos de 135 cm.

Agora só poden ir diante no caso de que os asentos traseiros estean ocupados por outros menores, se non hai asentos traseiros no vehículo ou se non é posible a instalación dos sistemas de retención en todos os asentos, porque o coche é pequeno e non caben as cadeiras.

Nos taxis, os nenos poden viaxar nos asentos traseiros sen utilizar un sistema de retención pola cidade. Na estrada, o responsable da seguridade é o pai, a nai ou o adulto que vaia co menor nese momento. Convén pedir un taxi con cadeira ou levala nós para protexer o neno.

Ademais, é importante saber que:

  • As prazas traseiras son as máis seguras para levar os nenos.
  • Se o bebé viaxa na praza dianteira, débese desconectar o coxín de seguridade.
  • Se o neno viaxa cun sistema de retención en sentido da marcha (grupos II e III) non é necesario desconectar o coxín de seguridade.
Actualmente conviven dúas formas de clasificar os SRI, por peso e por altura, pero co tempo quedará só a clasificación por altura, é dicir, a I-Size

4. Préstamo Coche Online BBVA

A compra dun coche novo supón un desembolso de diñeiro que non sempre se pode facer de golpe. Para axudarte, o BBVA ofréceche o Préstamo Coche Online que podes solicitar a través de Internet de maneira rápida e sinxela.