Que se pode comprar de segunda man para o bebé?

Queremos o mellor para eles, pero non todos os artigos teñen por que ser novos. Que é prudente comprar e que non de segunda man?

Hoxe en día, o mercado de segunda man está moi estendido e é un bo recurso para adquirir produtos caros e, sobre todo, cousas que imos usar durante pouco tempo e que, polo tanto, quedan novas, como ocorre con moitos dos accesorios para os bebés.

Coa oferta que existe actualmente é fácil atopar rapidamente o que se busca. En pouco tempo, ás webs xerais como Bivvo (o antigo Segunda Mano), CashConverters ou EBay e as webs especializadas no mundo infantil, como Baby Eco, sumáronse as aplicacións que buscan por proximidade ao domicilio, como Wallapop, e as aplicacións específicas para o mundo infantil, como Mooms.

A segunda man é unha boa opción para aforrar nos gastos do bebé. Non todo ten que ser necesariamente novo, pero ao mesmo tempo non todo se pode volver utilizar. Hai que ser moi cauteloso cos accesorios que serven para garantir a seguridade do bebé, pois non sabemos o uso que se lles deu previamente.

Ademais, antes de lanzarse a comprar algo de segunda man hai que ter en conta a antigüidade do produto e fixarse en se está homologado, xa que é posible que cando se fabricou non fose necesario.

Pódese comprar de segunda man:

Roupa para o berce e para o bebé

Úsase pouco tempo e adoita quedar como nova. Aínda que estea limpa, convén lavala, pois pode coller po.

Mecanismos de seguridade

Barreiras para escaleiras ou camas, tapas de enchufes, seguros para caixóns, protexe-esquinas, etc. pódense volver usar sempre que non se afrouxasen, pois o seu obxectivo é que os nenos non poidan tiralos.

A bañeira-cambiador

É un produto caro que non adoita estragarse porque se usa uns poucos minutos ao día.

  • Hai que comprobar que as patas están firmes.
  • Pode ser conveniente renovar a funda do cambiador.

A trona

Úsase moito, pero como é bastante resistente non adoita estragarse.

  • Convén revisar o funcionamento do mecanismo para abrir e pechar o cinto de seguridade e o mecanismo de altura regulable, se o ten.
  • Hai que comprobar que o material que recubre o respaldo estea en boas condicións.

Berce

É importante asegurarse de que está homologado (levar a marca CE) e en boas condicións.

  • Cómpre revisar que nas esquinas non hai bordos cortantes e que os barrotes gardan entre si unha distancia que impida que a cabeza do neno poida quedar encaixada.
  • Hai que comprobar o mecanismo para baixar o lateral e, se ten rodas, o sistema de freado.

Carro de paseo

Ao elixir a cadeira de paseo hai que pensar que o bebé vai pasar moito tempo nela e que é esencial que estea cómodo.

  • Hai que asegurase de que o asento mantén a súa rixidez inicial (pois a colchoneta pode terse axeitado ao corpo do bebé que a usou antes), que os arneses de seguridade se enganchan ben, que os freos funcionan sen problemas e que non hai parafusos frouxos.
  • É importante que a cobertura de tea se desmonte facilmente para poder lavala.
  • Convén valorar o peso da cadeira, pois os modelos actuais son cada vez máis lixeiros.
Hai que ter moito coidado ao comprar cousas de segunda man para un bebé, por seguridade, non todo pode volver utilizarse

Non é prudente comprar de segunda man

Colchóns

Un colchón usado podería ter deformidades que poderían resultar prexudiciais para o lombo do neonato.

Zapatos

Cando o bebé empeza a andar non convén que leve calzado usado, pois pode estar deformado pola forma de andar do neno que o usou antes. 

A cadeira do coche

A cadeira do coche poderíase herdar dun irmán ou un coñecido, pero non é prudente comprala usada porque non sabemos se sufriu un impacto e perdeu algunha das súas condicións de seguridade.

Ademais, a normativa sobre os sistemas de retención infantil está cambiando e, malia que aínda se permiten as que seguen a norma R44 (por peso), o futuro é que todas sigan o sistema I-Size (por altura) que prioriza o enganche ao coche mediante Isofix.

Todo o contido de Baby Planner, na túa app do BBVA