Probas necesarias durante o embarazo

Toda a información que debes coñecer sobre as revisións da embarazada

Parabéns: o test deu positivo. Estás esperando un bebé! Agora tes que coidarte moito e evitar calquera cousa que poida prexudicar o bebé que se está formando no teu interior.

Para controlar o desenvolvemento do feto e o benestar da embarazada realízanse diferentes probas médicas no embarazo. Polo tanto, hai que pedir cita canto antes co médico para que confirme o embarazo e mande as primeiras probas.

1. Unha visita ao xinecólogo ao mes

Na primeira cita, o xinecólogo mandarache facer unha analítica de sangue e urina moi completa para confirmar o embarazo, coñecer o teu estado de saúde, descartar enfermidades infecciosas como: VIH, hepatite B ou sífilis, e comprobar se pasaches a rubéola e a toxoplasmose (unha enfermidade leve para os adultos, pero moi grave para o feto en formación) e unha citoloxía para descartar infeccións vaxinais.

Na Seguridade Social, habitualmente, hai que pasar polo médico de familia para citarse co xinecólogo que levará o embarazo. Para gañar tempo, o médico adoita mandar facer estas primeiras análises de sangue e tamén a citoloxía (que fai a matrona do centro de saúde).

Tanto se ides pola sanidade pública como pola privada, unha vez confirmado o embarazo, o xinecólogo realizará unha exhaustiva historia clínica para coñecer os vosos antecedes e se existe algunha condición especial que haxa que ter en conta (diabete, problemas cardíacos, enfermidades graves, etc).

Despois, recomendarache tomar os suplementos que considere necesarios: ácido fólico (se non o estabas tomando xa), e ferro ou iodo se tiveses deficiencias. Despois desta primeira visita, acudiredes ao xinecólogo frecuentemente para que realice o seguimento do embarazo. En todas as visitas, o especialista controlará a tensión e o peso da nai e resolverá as dúbidas que xurdan sobre o embarazo e os coidados necesarios. Na sanidade privada as revisións son mensuais.

Na Seguridade Social pódense espazar un pouco máis dependendo da comunidade autónoma, e incluso do hospital ao que se pertenza, pero adóitase complementar o seguimento coa matrona do centro de saúde.

2. Como mínimo, tres ecografías

As ecografías son moi útiles para controlar o desenvolvemento do bebé e o seu benestar dentro do útero. Son probas non invasivas que non teñen ningún efecto negativo sobre o feto, polo que se poden realizar todas as que o médico considere necesarias.

Na Seguridade Social os protocolos establecen un mínimo de tres ecografías, unha por trimestre, aínda que se realizan máis se son necesarias. Nos seguros médicos privados o control ecográfico adoita ser máis frecuente. Algúns médicos fan ecografías todos os meses. Ademais, adóitase facer unha ecografía para confirmar o embarazo.

En todas as ecografías mídese o tamaño do bebé, valóranse os seus movementos e latexos, a cantidade de líquido amniótico, a posición da placenta e calcúlase a data probable do parto.

Ecografía do primeiro trimestre: Cara á semana 12

Nesta ecografía, que adoita ser vaxinal, compróbase se hai máis dun bebé e mídese o pregamento nucal do feto para valorar o risco de anomalías cromosómicas.

Ecografía do segundo trimestre: Na semana 20 de xestación

Obsérvanse os órganos internos do feto para comprobar que o bebé se está desenvolvendo ben. Normalmente xa se pode descubrir o sexo do bebé, se está nunha postura axeitada.

Ecografía do terceiro trimestre: Arredor da semana 34

Vólvese valorar o crecemento do feto e óllase a súa posición de cara ao parto. Se está de nádegas ou atravesado, adóitase facer outra ecografía máis adiante para ver se se colocou boca abaixo.

3. Ecografías especiais

Hai outro tipo de ecografías reservadas para situacións especiais:

Ecografía 3D ou 4D

Utilízanse como complemento ás tradicionais. As dúas permiten ver o feto con volume, e as 4D, ademais, en movemento. Con elas pódense detectar problemas na pel, ou deformidades do labio leporino pero non achegan información sobre outras anomalías que detectan as ecografías normais. Son moi emocionantes para os futuros pais, porque poden ver o seu bebé dunha forma moito máis precisa.

Na Seguridade Social úsanse nalgúns hospitais, e sempre que se considere necesario. Algúns seguros privados inclúen as ecografías en 3D, pero a 4D débese pagar á parte.

Ecografía con tecnoloxía Doppler

Realízase cando cómpre observar a circulación no feto, o cordón umbilical e o útero, xa que permite detectar problemas cardíacos ou de circulación do sangue.

4. Analíticas

Durante o embarazo realízase como mínimo unha análise de sangue e urina por trimestre.

Ademais, hai unhas analíticas especiais para detectar posibles problemas:

Test de Coombs:

Se a nai é Rh negativo e o pai Rh positivo, na primeira análise de sangue compróbase se o feto ten anticorpos no sangue contra o Rh positivo. A proba vólvese repetir máis adiante por se crease anticorpos e, ademais, por precaución, na semana 28 do embarazo pónselle á nai unha gammaglobulina anti D, que se repite despois do parto se o bebé é Rh + para protexer embarazos posteriores.

Test de O’Sullivan:

Na semana 24 do embarazo faise unha análise de sangue especial para valorar a concentración de azucre en sangue e detectar a tempo unha diabete xestacional que podería ocasionar problemas no feto. Se o test dá positivo, faise unha curva de glicemia (sobrecarga oral de glicosa) para confirmar o diagnóstico.

Todas estas probas están incluídas na sanidade pública e nos seguros privados de saúde.

Na sanidade pública os protocolos establecen un mínimo de tres ecografías, unha por trimestre. Nos seguros médicos privados o control ecográfico adoita ser máis frecuente.

5. Diagnóstico prenatal

Unha das cousas que máis preocupa aos futuros pais é a posibilidade de que o seu bebé sufra algunha alteración xenética. Entre a semana 10 e 14 realízanse unhas probas de diagnóstico prenatal para calcular se hai risco e se convén facer outras probas invasivas (como a amniocentese).

Na análise de sangue do primeiro trimestre mídese a cantidade de certas hormonas e proteínas relacionadas con algunhas anomalías cromosómicas como a síndrome de Down.

Os resultados valóranse canda a ecografía do pregamento nucal e as circunstancias persoais da nai, como a idade. Se o risco é alto, o médico pode aconsellar a amniocentese (entre as semanas 14 e 18).

Antes de tomar esa decisión, nas aseguradoras privadas pódese realizar outra proba non invasiva, cun custo adicional: o test prenatal non invasivo que, a través dunha análise de sangue, detecta a síndrome de Down e outras anomalías como a síndrome de Patau ou a síndrome de Edwards. Esta proba de ADN fetal en sangue ofrécese agora nalgúns hospitais públicos.

6. Probas antes do parto

Unhas catro semanas antes da data prevista do parto, cara á semana 36 de embarazo, realizaráselle á nai un cultivo vaxinal e rectal para descartar a presenza dunha bacteria chamada estreptococo agalactiae. Se existe, dáselle antibiótico á nai durante o parto para evitar que o bebé poida coller unha infección.

Cara á semana 40 (na Seguridade Social) ou a partir da 37 (no seguro privado), empézanse a controlar as contraccións na nai e o latexo cardíaco do bebé de forma semanal cunha técnica chamada monitorización.

O embarazo adoita durar 40 semanas, pero entra dentro da normalidade que o bebé naza entre a semana 37 e a 42. O ideal é que veña ao mundo de forma natural, pero se na semana 42 non deu signos de querer saír prográmase a indución ao parto.