Como matricular o teu fillo nunha gardaría

Contámosche o período e os requisitos de matriculación, como funciona o sistema de puntos e de quen dependen as subvencións

Ata os tres anos a educación non é obrigatoria. Por iso, a oferta de gardarías públicas é moito máis reducida que a de colexios e institutos e en moitos lugares non cobre a demanda real.

Por esta razón, é importante coñecer ben os pasos e requisitos para poder conseguir praza nunha gardaría pública.

Os datos que ofrecemos a seguir son xerais e comúns. Como as gardarías públicas son competencia das comunidades autónomas, no voso lugar de residencia pode haber peculiaridades, polo que para obter información máis fidedigna convén consultar o web da comunidade e concello correspondentes.

As gardarías privadas adoitan ter os seus propios requisitos de matriculación. Non obstante, o feito de que sexan privadas non implica que poidan actuar pola súa conta.

Todas as gardarías, públicas e privadas, teñen que cumprir uns requisitos que marca a lei:

  • Os nenos teñen que estar controlados por persoal profesional e cualificado en educación infantil.
  • O local da gardaría debe ser de uso exclusivo para ese fin e dispor dun acceso desde o exterior.
  • Unha das súas instalacións debe ser unha sala de usos múltiples cun tamaño igual ou superior a 30 metros cadrados.

A gardaría debe cumprir co programa educativo establecido polo Ministerio de Educación. Ademais destes criterios xerais, cada comunidade autónoma pode establecer uns criterios adicionais para aumentar e garantir a seguridade dos nenos.

Os prazos de inscrición nas gardarías privadas coinciden cos das públicas, aínda que adoitan manter uns niveis de flexibilidade algo superiores.

A principal diferenza entre as gardarías públicas e as privadas é o prezo. As privadas son máis caras. Por iso, a primeira opción dos pais con soldos medios adoita ser a gardaría pública. A cambio, as gardarías privadas adoitan ofrecer horarios moito máis flexibles que cobren as necesidades dos pais sexa cal for o seu horario laboral.

Requisitos para solicitar praza

En xeral, os requisitos que se piden son similares en todas as comunidades autónomas:

  • O bebé debe ter como mínimo 16 semanas de idade no inicio do curso escolar.
  • As gardarías teñen que aceptar todas as solicitudes, independentemente do número de prazas de que dispoñan. Despois decidirase como dalas.
  • Os pais deben estar empadroados na localidade en que se encontra a gardaría que solicitan.
  • Levar orixinal e fotocopia do libro de familia (se se ten), partida de nacemento, ou outros documentos relativos á filiación nos que se poidan comprobar o nome e a data de nacemento da nena ou neno e a relación cos pais.
  • Entregar un certificado da empresa ou, en todo caso, a última nómina para deixar constancia da xornada laboral dos proxenitores.
  • Documentación xustificativa da proximidade do domicilio familiar.

Datas de solicitude e de matriculación

É importante coñecer o prazo de inscrición das gardarías, pois é un trámite que se fai con relativa antelación á data de matriculación definitiva. Se non se realiza a tempo, é posible que se perda a oportunidade de obter unha praza para o curso escolar desexado.

Polo tanto, se estás embarazada e cres que vas necesitar que o teu bebé vaia a unha gardaría cando empece o curso, terás que solicitar praza, aínda que o neno non nacese. A lei establece que “poderá solicitarse unha praza para os nenos en fase de xestación cando o seu nacemento estea previsto como mínimo 16 semanas antes do comezo do curso”. Isto é así porque nas gardarías só poden ser matriculados os bebés a partir das 16 semanas de vida.

  • Por norma xeral, o prazo de preinscrición nas gardarías comeza o día 15 de febreiro e finaliza o día 30 de abril.
  • A partir de maio, normalmente contra a metade do mes, publícanse as listas provisionais de admitidos.
  • Nese momento, ábrese o período de reclamacións.
  • A principios de xuño publícase a lista definitiva de admitidos.
  • Desde que se publica esa última lista, os pais teñen un prazo aproximado dun mes, ata 25 de xuño habitualmente, para realizar a matrícula na gardaría en caso de seren admitidos.

Como se adxudican as prazas?

Para adxudicar as prazas utilízase un baremo de puntos que clasifica cada familia solicitante en función das súas características. Cantos máis puntos acumule unha familia, máis posibilidades ten de obter unha praza para o seu bebé.

Para iso, establecéronse unha serie de criterios aos que corresponde unha puntuación concreta:

  • Renda anual da unidade familiar: 10 puntos cando un dos dous proxenitores ou dos titores legais recibe a axuda de renda mínima de inserción, calculada en función dos fillos a cargo do beneficiario.
  • Proximidade do domicilio da unidade familiar ou do lugar de traballo do pai, da nai ou do titor á gardaría:
    • 30 puntos, cando o domicilio habitual está na área de influencia da gardaría.
    • 20 puntos, cando o posto de traballo dun dos dous proxenitores ou do titor legal está na área de influencia da gardaría.
    • 10 puntos, cando o domicilio habitual está no mesmo municipio que a gardaría, pero non dentro da súa área de influencia.
  • Familiares escolarizados: 40 puntos, cando o bebé ten algún irmán matriculado no mesmo centro ou cando algún dos seus proxenitores ou titores legais traballa alí no momento da preinscrición.
  • Discapacidade: 10 puntos, cando o bebé, algún dos seus proxenitores ou titores, ou algún dos seus irmáns acredite unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
  • Criterios complementarios:
    • 5 puntos, por pertencer a unha familia numerosa ou monoparental.
    • 10 puntos, se o bebé ten algunha enfermidade crónica que lle afecte o sistema dixestivo, endócrino ou metabólico, incluídos os celíacos.

Prezo das gardarías e subvencións

O prezo da gardaría variará moito en función de se se opta por un centro público ou por un privado. No entanto, existen uns gastos comúns nas diferentes opcións dos que se pode extraer unha media para calcular, máis ou menos, cal será o desembolso que haberá que facer así que chegue o momento.

  • Matrícula anual: entre 150 € e 200 €.
  • Seguro escolar: entre 25 € e 30 €.
  • Taxa mensual: entre 180 € e 200 €.
  • Material (uniforme, chándal, babeiro, etc.): entre 100 € e 150 €.

As comunidades autónomas poden conceder subvencións para custear parte do prezo das gardarías privadas. A contía, os criterios e o número de concesións dependen da lexislación e da partida orzamentaria de cada comunidade.

Convén informarse visitando o apartado de educación do web da comunidade autónoma e concello correspondentes.