As clases de preparación ao parto

As clases de preparación ao parto resolven as dúbidas sobre o embarazo, o parto e o coidado do bebé

A medida que se achega o momento do parto, xorden unha morea de dúbidas: Como recoñecer os síntomas de parto? Cando hai que ir ao hospital?, etc. Para resolvelas, o mellor é apuntarse ás clases de preparación ao parto que, ademais, ensinan a afrontar o parto dunha maneira máis natural.

Por que unha clase de preparación ao parto?

As clases de preparación ao parto proporciónanvos información para afrontar o embarazo, o parto e o posparto sen medo. O medo ao descoñecido xera ansiedade e temor.

O nacemento do voso bebé será máis fácil se sabedes como manexar as emocións e a futura mamá está preparada fisicamente.

Ademais, podedes resolver as dúbidas que vos xurdan durante o embarazo, o parto, o puerperio e o coidado do bebé con profesionais expertos que vos entenden e axudan.

Estas clases supoñen unha gran axuda psicolóxica, porque poderedes falar con outras parellas embarazadas e intercambiar opinións e experiencias.

Onde acudir?

As clases de preparación ao parto ofrécense a través de diferentes canles:

  • A sanidade pública ofrece estas clases, de xeito gratuíto, nos seus centros de saúde. A matrona é a encargada organizar e dirixir estes talleres, aínda que por veces poidan participar outros especialistas (psicólogos, xinecólogos e pediatras).
  • Polo xeral, os seguros médicos tamén ofrecen este servizo. No voso seguro médico recomendaranvos onde acudir.
  • Clases privadas, particulares ou colectivas. Hai unha ampla variedade de actividades dirixidas á embarazada para que poida prepararse tanto física coma psicoloxicamente: ximnasia prenatal, ioga para embarazadas, preparación na auga, clases de lactación materna, etc.

Á hora de decantarse por un curso ou outro, cómpre ter en conta o horario e a posibilidade de recuperar as clases perdidas.

Cando comezar?

A maioría dos cursos de preparación ao parto comezan no sexto ou sétimo mes de embarazo, aínda que nalgúns centros realízanse charlas informativas antes. O mellor é preguntar á matrona ou ao xinecólogo.

A preparación física e a ximnasia prenatal, ioga, etc. pódense iniciar desde o momento no que se coñece o embarazo, se o médico non indica o contrario.

A nai pode asistir soa ás clases ou cun acompañante. O ideal é que acuda coa persoa que a acompañará no parto, para que aprendan xuntos as técnicas de respiración e relaxación. A presenza do futuro pai aumenta a confianza da nai e axúdaa a relaxarse.

As clases son unha axuda psicolóxica para os futuros pais, porque poden falar con outras parellas embarazadas e intercambiar opinións e experiencias

Que se aprende?

Nos centros de saúde e as aseguradoras privadas, as clases de preparación ao parto adoitan ter unha parte teórica e outra práctica. O abano é moi amplo.

Nas clases teóricas, os pais poden recibir información sobre:

  • As técnicas de relaxación e respiración que axudan a controlar a dor.
  • Como distinguir os síntomas de parto e que pasos seguir.
  • As diferentes formas de dar a luz: parto vaxinal, cesárea, parto na auga, etc.
  • A analxesia epidural para un parto sen dor.
  • O parto natural sen epidural e as opcións naturais para aliviar a dor.
  • Os coidados da nai no puerperio.
  • A lactación materna.
  • Os coidados do neonato. 

Ademais, os pais poden resolver as dúbidas que lles xurdan sobre o embarazo, o parto e o puerperio. As clases prácticas preparan fisicamente á embarazada para afrontar o parto con:

  • Exercicios que a axudan a manterse en forma e aliviar molestias.
  • Exercicios que fortalecen o chan pelviano ou o perineo.
  • Técnicas de relaxación para aliviar a dor nas distintas fases do parto.
  • Técnicas de respiración axeitadas ás contraccións e aos puxos.

Tamén no segundo embarazo e con cesárea

Aínda que se trate do segundo embarazo, convén realizar a preparación, pois os cursos axudan a lembrar como respirar durante as contraccións ou como empurrar no momento do expulsivo.

Se se programou unha cesárea, tamén é importante acudir, xa que os exercicios axudan a manterse en forma e aliviar as molestias típicas do embarazo. Ademais, a parte teórica interesa a todas as embarazadas.