Asegura o benestar da túa economía familiar

Explicámosche as formas que existen para asegurar o futuro económico dos teus fillos e familiares ante calquera imprevisto

Cando nace un fillo, nace tamén unha nova preocupación: asegurar o seu futuro económico ante calquera imprevisto. Todos os pais desexan que os seus fillos teñan unha solvencia económica que lles permita vivir ben no caso de que xurda unha situación que reduza significativamente os ingresos da unidade familiar. Para garantir esta solvencia, existen unha serie de mecanismos como: seguros de vida, seguros de accidente, plans de pensións ou testamentos.

Seguros de vida

Un seguro de vida é un instrumento financeiro de aforro destinado a garantir a protección dos familiares ou das persoas elixidas polo titular do seguro no caso de falecemento. Polo tanto, contratar un é unha das mellores formas de asegurar a futura estabilidade económica de fillos e familiares.

Se xa se ten contratado un seguro de vida, é importante revisar as súas condicións para asegurarse de que cobre os fillos en todos os supostos. Tamén é recomendable valorar se convén estender o seguro de vida aos dous proxenitores, no caso de que só cubra un deles, para ter unha cobertura máis ampla e garantir, polo tanto, o futuro económico dos fillos pase o que pase.

Coberturas dos seguros de vida BBVA

O BBVA ofrece a posibilidade de contratar unha serie de seguros de vida que non só garanten unha compensación económica aos familiares no caso de falecemento do titular do seguro, senón que, dependendo da modalidade elixida, poden ofrecer ata seis coberturas en total:

  • Falecemento: en caso de defunción do titular por calquera causa, os beneficiarios cobran a cantidade contratada na póliza.
  • Segundo diagnóstico: permite pedir unha segunda opinión en caso dunha enfermidade cunha duración superior aos tres meses desde o diagnóstico inicial.
  • Servizo e capital de decesos: atención telefónica, orientación, coordinación e xestión do servizo funerario ata un máximo de 5.000 €.
  • Incapacidade permanente absoluta: cobre a situación física irreversible que provoca a imposibilidade total do asegurado de realizar calquera tipo de actividade profesional.
  • Cancro ou infarto de miocardio: pagamento do capital contratado en caso de diagnóstico de cancro ou dunha lesión do miocardio.
  • Dez enfermidades graves: bypass, transplante de órganos, cegueira, queimaduras, coma, esclerose múltiple, párkinson, alzhéimer, enfermidade pulmonar crónica e accidente cerebrovascular.

Seguros de accidente

Outra forma de garantir a estabilidade económica dos fillos é contratar un seguro de accidente.

Estes seguros cobren diferentes circunstancias que se establecen na póliza, como, por exemplo, a incapacidade permanente absoluta ou o falecemento. Ademais, indemnizan o asegurado se ten que estar hospitalizado despois do accidente. Deste xeito, o período de recuperación non repercute na economía familiar e non hai que angustiarse para controlar os gastos durante a incapacidade laboral (en que o salario está cuberto pola Seguridade Social pero non na súa totalidade).

Os seguros de accidente son máis baratos ca os seguros de vida.

Coberturas do Seguro de Accidentes BBVA

O Seguro de Accidentes BBVA ofrece dúas grandes categorías de cobertura: por falecemento e por hospitalización.

A cobertura de falecemento divídese en tres subcategorías, que pola súa parte teñen diferentes indemnizacións:

  • Falecemento do asegurado derivado de accidente: indemniza os beneficiarios incluídos na póliza (que poden ser os fillos) cun capital de 25.000 € se o falecemento se produce durante os dous anos seguintes ao momento do accidente.
  • Falecemento do asegurado derivado de accidente de circulación (dobre capital): indemniza cun capital de 45.000 €.
  • Falecemento do cónxuxe derivado de accidente de circulación (triplo capital): indemnízase cun capital de 67.000 € se o falecemento é consecuencia do mesmo accidente de circulación en que faleceu o asegurado e se se produce no período dun ano desde a data do sinistro.

A cobertura por hospitalización en caso de accidente é de 11,25 € diarios desde o primeiro día por hospitalizacións superiores a 96 horas, ata un período de 365 días contados desde o día do ingreso.

Plans de pensións

Aínda que un plan de pensións é un produto financeiro de aforro destinado a complementar a pensión de xubilación, tamén pode servir para garantir a estabilidade económica dos fillos. Isto é así porque un plan de pensións pódese rescatar nos seguintes supostos:

  • Xubilación do titular.
  • Desemprego de longa duración.
  • Incapacidade permanente ou grande invalidez do titular.
  • Enfermidade grave do titular ou dunha persoa que dependa directamente del/ela.
  • Falecemento do titular.

É sobre todo neste último suposto, o de falecemento do titular, o que serve para asegurar o futuro económico dos fillos. No caso de falecemento, os beneficiarios do plan de pensións son os designados polo titular e en caso de non ter designado a ninguén, os beneficiarios serían os herdeiros legais, é dicir, o cónxuxe e os fillos. Non obstante, ao contratar un plan de pensións é recomendable incluír os fillos como beneficiarios no caso de falecemento como forma de asegurarse de que sexan eles os que reciban o diñeiro.

Ademais, as achegas ao plan reducen a base impoñible do IRPF, é dicir, compensan fiscalmente.

Testamento: características, vantaxes e tipos

Redactar un testamento é unha das formas máis comúns e antigas de garantir o futuro económico dos fillos. O testamento é un documento legal en que se expresa como repartir o diñeiro, os bens inmobles e as accións do testador.

Ademais, no testamento o proxenitor pode indicar quen administrará os bens dos fillos ata que sexan maiores de idade e quen será o seu titor legal no caso de que falezan ambos os dous proxenitores. Se non especifica esta cuestión decidirano os tribunais, así que é importante indicalo. Antes de redactar un testamento, é interesante coñecer os diferentes tipos que existen para elixir o que máis convén en cada caso:

Testamento aberto

Faise ante notario, seguindo estes pasos:

  • Acudir á notaría e identificarse co DNI.
  • Expresar a última vontade ao notario. É dicir, explicarlle como se desexa repartir os bens. Este paso pódese facer por escrito ou verbalmente.
  • Segundo o expresado, o notario redactará o testamento axeitándoo ás formalidades legais.
  • Unha vez escrito, o notario lerá o testamento e o testador asinará o testamento expresando a súa conformidade. 

Testamento hológrafo

Este tipo de testamento non se redacta ante notario nin é necesario entregarllo para que o custodie. Por estes dous motivos, o Código Civil establece uns requisitos para que sexa válido:

  • Ten que estar escrito na súa totalidade polo testador.
  • Débese redactar á man, nunca mediante mecanismos mecánicos como un ordenador.
  • O testador ten que usar un bolígrafo, o testamento non se considerará válido se está escrito con lapis ou calquera outro método que se poida borrar. O papel utilizado pode ser un folio normal e corrente.
  • Debe incluír a data (día, mes e ano) de redacción.
  • As riscaduras ou escritos entre liñas non se considerarán válidos. Calquera directriz que puidese conter é coma se nunca se escribise.
  • Ten que acabar coa sinatura habitual do testador.

Testamento pechado 

O último tipo de testamento é un híbrido do aberto e do hológrafo. Para que sexa válido, hai que seguir os seguintes pasos:

  • O testador redacta o testamento á máquina ou á man, ambos os dous mecanismos son válidos.
  • O testador acode ao notario co seu DNI para identificarse.
  • Entrega o testamento dentro dun sobre ao notario, indicándolle se está escrito á man ou á máquina.
  • O notario redacta unha acta de entrega e le esta acta.
  • O testador e o notario asinan a acta de entrega e o notario custodia o testamento sen coñecer o seu contido.