Como aforrar nos gastos do teu bebé

Dámosche unha serie de consellos para reducir o elevado custo que supón un novo membro na familia

O refraneiro popular que di que “os nenos veñen cun pan debaixo do brazo” non é tan certo como nos gustaría. Os bebés traen moitas alegrías, pero tamén moitos gastos, ás veces moi elevados.

1. Equipamento básico

O neno acabado de nacer necesita unha morea de accesorios á súa medida para estar cómodo e seguro, que non son precisamente baratos; berce, hamaca, carriño, cadeira para o coche, bañeira... É posible aforrar nos accesorios do bebé? Si, hai opcións máis económicas que outras.

Cun berce é suficiente

É certo que durante os primeiros meses o bebé está máis recollido nun miniberce ou nun berce portátil, pero se queres aforrar e non che poden prestar este accesorio, podes usar directamente o berce.

  • O miniberce e o berce portátil son tan pequenos que apenas se usan tres ou catro meses.
  • Se o berce che parece demasiado grande, ou queres ter o teu bebé preto durante o día, podes usar o propio berce portátil do carriño para as súas sestas na casa.

A cesta portabebés pode servir de hamaca

Chega un momento no que o bebé se aburre no berce e quere ver os papás. Para telo preto son moi útiles as hamaquiñas. Non son caras, pero a cesta portabebés para a cadeira de paseo ou o automóbil tamén che pode servir, pois a súa base curvada permite o balanceo.

Bañeira-cambiador: máis económico por separado

Se hai algo que asuste os pais ao principio é bañar o bebé, parece que faltan mans para agarralo. As bañeiras-cambiador con patas (que levan unha tapa cun cambiador groso de plástico por riba) facilitan a tarefa, pero ocupan bastante espazo e non son baratas.

  • Para aforrar podes comprar un cambiador pregable (que tamén necesitarás cando saias de paseo) e cambiar o bebé sobre unha mesa alta. Se o cambias sobre a cama, faino sentada para que as túas costas non sufran.
  • Para bañalo hai moitas opcións máis económicas que a bañeira-cambiador: hamaquiñas que suxeitan o bebé dentro da bañeira, bañeiras ergonómicas, bañeiras inchables (moi útiles para saír de viaxe) e incluso bañeiras pregables que serven durante varios anos.

Carriño: valora o tamaño e pensa onde e canto tempo o vas usar

Cando escollas o carriño ou a cadeira de paseo pensa se necesita rodas grandes para o campo, se caberá ben no ascensor ou no maleteiro do coche... É importante valorar todo isto para non ter que cambiar de modelo antes ou despois.

  • Se o bebé nace no inverno, está máis protexido no berce portátil, aínda que as cestas portabebés teñen accesorios (saco, plástico protector...) para que non pase frío e, ademais, serven como cadeira de seguridade do automóbil durante varios meses (os berces portátiles tamén pero menos tempo).
  • Se o bebé nace a finais da primavera ou principios do verán, podes aforrar o berce portátil se escolles unha cadeira que se recline por completo.

2. Alimentación

Ata hai uns anos, a alimentación do bebé era un gasto importante, xa que os alimentos infantís envasados en tarros e as papas son bastante máis caros que os produtos para adultos.

No entanto, se se segue a recomendación da OMS de manter a lactación materna en exclusiva durante os seis primeiros meses e con outros alimentos ata os dous anos, o aforro é importante.

A alimentación complementaria pódese dar en purés caseiros ou deixando que o bebé probe as comidas familiares cunha técnica chamada Baby Led Weaning (alimentación a demanda do bebé) con moita aceptación entre os novos pais.

Se che dá medo que o teu bebé se atragoe e prefires darlle a comida triturada, é moi práctico preparar puré para varios días e conxelalo en botes de cristal. Non botes pataca porque desconxela mal. Se o necesitas con urxencia, pódelo desconxelar nuns minutos ao baño maría a pouco lume.

3. Cueiros

Se hai un gasto importante e duradeiro, é o dos cueiros. Para aforrar, intenta compralos cando estean en promoción: 3 x 2, 2ª unidade ao 50 %, etc. Ten coidado de non acumular moito, os bebés medran moi rápido e antes de te decatares o teu fillo estará usando un tamaño superior.

Outra opción é usar cueiros ecolóxicos, máis modernos e absorbentes que os cueiros de tea que usaban as nosas nais. Son moito máis baratos, xa que se poden reempregar, pero teñen o inconveniente de que hai que os lavar.

4. Roupa

Os bebés medran moi rápido, así que non paga a pena gastar moito en roupa.

Espera a recibir todos os agasallos: a roupa é un agasallo habitual cando nace un bebé.

Se dubidas, compra un tamaño superior. Así, o teu fillo poderá usar a roupa máis tempo.

Aproveita as rebaixas para comprar roupa que sirva para calquera estación do ano (camisetas, bodys, calcetíns...).