Protéxete dos ciberataques xerados polo coronavirus

A protección contra o COVID-19 tamén ten que ser en liña.

A crecente preocupación dos cidadáns polo coronavirus está a ser aproveitada polos ciberdelincuentes para realizaren estafas electrónicas e obteren información privada dos usuarios. 

Os tipos de ciberataques que están executando para levar a cabo estes delitos son, principalmente:

  • O phishing: correos electrónicos nos que suplantan un organismo oficial e intentan redirixir o usuario, a través dunha ligazón, a unha páxina web falsa para que introduza nela os seus datos persoais e/ou bancarios. Tamén poden conter un arquivo adxunto que foi infectado con software malicioso.
  • O smishing: o modus operandi é o mesmo, pero as canles utilizadas son a SMS e as ferramentas de mensaxaría instantánea como WhatsApp.

Ten precaución e mantente en alerta se recibes algún dos seguintes correos electrónicos ou mensaxes fraudulentos relacionados co coronavirus que están circulando durante estes días pola Rede:

  1. Mensaxe de WhatsApp suplantando o Ministerio de Sanidade con algunhas recomendacións para facer fronte á nova enfermidade. O texto vai encabezado polo titular ‘ALERTA POR CORONAVIRUS. Mensaje urgente del Ministerio de Sanidad’ e vai acompañado dunha ligazón que redirixe os usuarios a unha páxina web falsa de venda de máscaras.
  2. Correo electrónico no que suplantan o departamento interno da empresa e no que convidan a descargar un PDF, infectado con malware, co protocolo que a compañía activou para enfermidades contaxiosas.
  3. Correo electrónico da Organización Mundial da Saúde (OMS) que inclúe un botón para descargar as medidas de seguridade (escrito en inglés, Safety measures). O correo electrónico aparece asinado pola suposta doutora Stella Chungong.
  4. Correo electrónico do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) con remitente CDC-Covid19@cdc.gov no que se informa do avance do coronavirus e se solicitan doazóns a través de bitcoins. O correo, redactado en inglés, está asinado pola Division of eHealth Marketing. Tamén suplantando o CDC está a circular outro correo cun arquivo adxunto malicioso que supostamente contén as últimas estatísticas sobre contaxios.
  5. Tamén foron detectados diversos mapas en liña que mostran o número de infectados polo coronavirus en cada un dos países. As páxinas web e aplicacións que os albergan conteñen software espía e malware e foron deseñadas para infectar os dispositivos dos usuarios.

As seguintes recomendacións de seguridade axudaranche a detectar este tipo de ciberataques e a protexer adecuadamente a túa información sensible e os teus dispositivos:

  • En primeiro lugar, ningún organismo oficial solicita datos persoais a través de correo electrónico, SMS ou WhatsApp, por tanto, non os proporciones por ningunha destas canles.
  • Verifica o remitente dos correos electrónicos e as ligazóns que estes inclúen e desconfía se conteñen letras e caracteres estraños. Sempre debes comprobar o enderezo web ao que te intenta dirixir unha ligazón antes de premer nela. 
  • Non descargues ningún arquivo adxunto relacionado coa COVID-19 sen te asegurares antes de que a súa orixe é lexítima.Tal como expoñen as autoridades, non recibirás a cura do coronavirus por correo electrónico.
  • Non descargues aplicacións non oficiais para coñecer o alcance global do coronavirus.
  • Evita difundir contido que non foi contrastado, xa que pode formar parte dunha campaña mal intencionada de mentiras.
  • O BBVA recoméndache utilizar as canles dixitais e súmase a #EuFicoNaCasa e a #EsteVirusParámoloUnidos. Accede a bbva.es ou á app do BBVA e aproveita as funcionalidades da nosa Banca Online para realizar todas as túas consultas e operacións de forma completamente segura e sen te moveres da casa.