Análise da actualidade dos mercados

Enrique Marazuela, CFA CAd, director de investimentos da Banca Privada do BBVA.

Bolsas en modo resultados

27/07/2021

Os movementos da semana pasada foron o resultado de dúas forzas contrapostas: unha baixista, as dúbidas que está a propagar a variante delta, e outra alcista, e aquí apuntariamos non só a brillante tempada de resultados trimestrais, senón tamén as tranquilizadoras declaracións e actuacións por parte dos bancos centrais.

A semana entrante é intensa en resultados empresariais, que poden dar non só soporte, senón mesmo un novo ímpeto á bolsa, sempre con permiso da pandemia. Pero tamén existe outro acontecemento destacado: a reunión da Reserva Federal. O foco dos analistas está agora no momento en que a Fed anuncie unha paulatina redución de compras de bonos. O consenso apunta a que o anunciará na reunión global de banqueiros centrais en Jackson Hole, a finais do vindeiro agosto, e a que o executará non máis tarde de xaneiro de 2022. Nun principio, é unha noticia xa cotizada nos mercados, polo que se segue o guión non debería modificar nada, pero como di o dito "o diaño agóchase nos detalles" e aínda que ocorra segundo o descrito, pode existir algún detalle que desvíe da liña prevista.

Na semana pasada destacou a reunión do BCE, tras a cal os operadores interpretaron os anuncios como un claro signo de que vai continuar o ton laxo da súa política monetaria durante un longo tempo. Os datos de actividade tiveron un mellor ton en Europa que nos Estados Unidos, pero basicamente estiveron en liña co que se esperaba. Facendo un balance máis amplo que a óptica semanal, parece que a China e os Estados Unidos atinxiron xa os seus máximos ritmos de crecemento (importante, continuarán crecendo, pero non tan rápido como o fixeron ata agora) e que Europa non está lonxe de alcanzalo.

Se só nos fixásemos nos peches semanais dos índices bolsistas veriamos avances, pero se analizamos o detalle observamos que houbo un forte movemento de ida e volta durante ese período no prezo das accións. As importantes caídas de principios da semana foron seladas coas notables subas nos días posteriores. Pensemos no europeo Stoxx600 (é un índice europeo máis amplo que o EuroStoxx50, porque ten 600 valores en vez de 50 e porque abarca todo o continente europeo e non só a eurozona), que tivo un retroceso do 2,3 % o luns e acabou con avances semanais do 1,5 %. Algúns índices norteamericanos volveron marcar máximos históricos e tamén rexistraron avances na semana.

Nos mercados de accións está a brillar con luz propia a boa tempada de resultados, que pode supor non só un elemento de consolidación dos niveis actuais, senón mesmo un catalizador de novas alzas. Nesta semana entrante son moitas as compañías que informan de resultados e pode, polo tanto, resultar crucial para determinar o sentido das bolsas.

Durante a semana houbo tranquilidade e avances en prezos, e a súa correlativa redución de rendibilidades, nos mercados de bonos, cuxas referencias de 10 anos quedaron no 1,28 % para o bono denominado en dólares e no -0,42 % para o denominado en euros (tomamos como referencia euro o bono alemán). Sería lóxico que, coas declaracións do BCE, os bonos europeos se animasen, pero na medida en que este anunciou o que se esperaba, esa noticia xa estaba incorporada ás cotizacións.

Nós seguimos mantendo a nosa recomendación de sobreponderación en activos de risco en xeral e das accións en especial. É certo que temos que pór no fiel da balanza argumentos a favor e en contra, pero as expectativas de baixos tipos de xuro e de crecemento económico, que arrastrará os beneficios empresariais, deixa un claro saldo en favor desta clase de activo.

A nota característica nos mercados de divisas foi a estabilidade, onde o dólar quedou a 1,177 fronte ao euro. Durante a semana houbo un movemento de ida e volta no petróleo, que finalizou en $74 na súa referencia Brent, pero que chegou a perder a cota de $69 no seu transcurso. Neste retroceso incidiu o acordo da OPEP+ aumentando a produción e os medos a unha desaceleración pola incidencia das novas variantes do coronavirus.

En síntese, a variante delta está a ter incidencia nos mercados como o reflicten as menores rendibilidades dos bonos. As accións foron capaces de neutralizar esa presión baixista grazas aos brillantes resultados empresariais, que nesta semana entrante atinxen o seu máximo apoxeo. Seguimos manténdonos sobreponderados en accións, aínda que o protagonismo actual da pandemia nos poida dar algún susto, que aproveitariamos para incrementar posicións. 

Bo verán.