BBVA lévate a TEDxMadrid (e tamén ao futuro e ao pasado)

Progresar non é só ollar para o futuro. Ou talvez si, pero cun ollo posto no pasado. Esta é unha das ideas fundamentais do Retrofuturo, un termo que apareceu nos anos 80 e que facía referencia a toda a cultura que xurdiu arredor da ciencia ficción desa década. Multitude de películas, series, videoxogos e libros intentaban descifrar ese futuro, que é agora o noso presente.

Con este lema de fondo, o vindeiro 21 de setembro celebrarase a 10ª edición do TEDxMadrid, no Teatro Circo Price da capital. Especialistas de diferentes disciplinas exporán as súas ideas sobre que elementos do pasado poden condicionar o noso futuro, e ti podes gozalo gratis. Se queres saber como, segue lendo.

E é que o BBVA, como un dos patrocinadores, ofréceche entradas dobres e a opción de vivir o evento dende dentro, traballando como voluntario. Queres ser un dos afortunados? Os pasos son sinxelos: síguenos nas nosas RRSS, rexístrate neste formulario e explícanos cal é a túa motivación para acudires a TEDxMadrid. As respostas máis orixinais recibirán unha das 3 entradas dobres ou unha das 5 posibilidades de ser voluntario que ofrecemos. Anímaste?

Rastrexar no pasado para descifrar o futuro

Pode que teñamos que fixarnos no pasado para buscar as respostas ao noso mañá. E, que mellor maneira que escoitando referentes de diferentes áreas para poder facerse unha idea global? Isto é o que se fará (ou polo menos o que se intentará facer) nas charlas TEDxMadrid 2019.

Para iso, acudirán ao evento relatores de disciplinas tan dispares como a música, a arqueoloxía, a alimentación ou a comunicación, entre outras, pero todas elas cun nexo común: supoñen unha viaxe bidireccional pasado-futuro, co fin de buscar respostas.

Un destes relatores xa confirmados é a arqueóloga africanista Sirio Canós, que falará de como a combinación da arqueoloxía, as tradicións orais e os textos históricos serven, hoxe en día, para entender a diversidade das sociedades africanas pasadas e a súa relevancia no presente.

Tamén veremos e escoitaremos ao futurólogo musical Rigo Pex, aka MENEO, coñecido globalmente por ser un dos primeiros produtores que mesturou o baile electrónico con ritmos tradicionais e samples de América Latina como a cumbia, o merengue e o dembow. Un estilo musical ao que deu o nome de "electropical". 

Edgar Cabanas, psicólogo crítico, doutor en psicoloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e investigador na Universidade Camilo José Cela, falaranos da industria da felicidade: os seus usos políticos, raíces, consecuencias sociais e a súa implantación dentro do ámbito do traballo, a educación e o consumo.

Tamén contará coa participación de Elena Carrera, historiadora das emocións; Mercedes Vila, física; Elisabet Roselló, posfuturóloga; Anónimo García, ultrarracionalista; e El Hematocrítico, mestre, humorista e autor infantil. Diferentes campos, todos eles con obxecto de buscar a amplitude de miras. Atréveste a realizar connosco esta viaxe temporal?