Queres traballar con robots? Isto é o que hai que estudar

Aínda que hai só uns anos fose impensable, hoxe aquelas vellas premisas explotadas polos filmes de ciencia ficción parece que se converteron nunha realidade. Estámonos referindo ao célebre desenvolvemento da robótica e, sobre todo, á popularización deste tipo de máquinas en ámbitos que van máis alá da industria e que non deixa de crecer.

Tal é así, que constitúe unha excelente área de profesionalización, cunhas perspectivas laborais moi interesantes. No entanto, saber o que debes estudar para te especializares non é unha cuestión sinxela. Recollemos aquelas carreiras, mestrados e cursos que che resultarán de utilidade e que che permitirán logralo.

Non perdas de vista

O primeiro que debes saber é que, como en calquera outra disciplina, todo dependerá da rama que prefiras. É dicir, un robot pode ser de moi distintos modos (humanoide, estar pensado para fins empresariais, etcétera) e conta con partes de deseño, electrónica, hardware e software. O quid da cuestión radicará en cal delas te queres centrar.

Por exemplo, a robótica industrial está enfocada á construción de máquinas que realicen labores mecánicos e repetitivos, mentres que a robótica de servizo se centra nas que desempeñan labores útiles para a sociedade. A humanoide e a intelixente buscan desenvolver robots con capacidade de razoamento e capaces de imitar as particularidades dos seres humanos, respectivamente. E a robótica de exploración é a que se encarga de levar a cabo programas capaces de analizar documentos na procura de contidos e patróns.

Ademais, e independentemente da que escollas, é máis que probable que teñas que realizar varios posgraduados para especializarte no que che guste, por non falar de que cada plan de estudos é distinto —resulta recomendable que o consultes exhaustivamente a priori, pois unha mala elección poderíate desmotivar. Dito isto, estas son algunhas opcións.

Grao en Enxeñaría Electrónica, Robótica e Mecatrónica

Para aqueles que estean a piques de entraren na universidade, a alternativa máis completa é o Grao en Enxeñaría Electrónica, Robótica e Mecatrónica, unha carreira relativamente recente en que se abordan cuestións como o deseño de dispositivos electrónicos, o soporte de comunicación das empresas, modelaxe e simulación de sistemas, a construción de robots con fins industriais e o mantemento de sistemas e equipamentos electrónicos e robóticos.

Para teres unha idea, a Mecatrónica combina catro enxeñarías: a Electrónica, a Mecánica, a Informática e a Enxeñaría de Control. En termos xerais, cumpre con fins como automatizar a maquinaria, crear produtos intelixentes e homoxeneizar e harmonizar diferentes compoñentes electrónicos e mecánicos. Ademais de á robótica pódese aplicar a outros campos como a industria da automatización, a farmacéutica, automobilística, téxtil e outras.

Grao en Enxeñaría Industrial Electrónica e Automática

Un pouco menos específico é o Grao en Enxeñaría Industrial Electrónica e Automática, que ofrecerá ao alumno os coñecementos necesarios para o desenvolvemento de sistemas que melloren os procesos industriais, non só desde o punto de vista da robótica, senón tamén da industria do automóbil, a medicina, etcétera.

É habitualmente na segunda parte desta formación cando se aborda o desenvolvemento de sistemas robotizados. O de sistemas de control e automatización, electrónicos e industriais e a enxeñaría de mantemento de instalacións deste tipo son outras das súas áreas de interese. Ten tamén partes de modelaxe e simulación de sistemas, instrumentación virtual e mecánica aplicada.

Outras carreiras recomendables

Se queres ter un abano máis variado de posibilidades ou, sinxelamente, queres ter a opción de escoller outras alternativas, nos últimos cursos de Telecomunicacións inclúense materias de robótica. Con Enxeñaría Eléctrica e Enxeñaría en Mecánica sucede algo parecido.

Para dedicarte ao software podes estudar o Grao en Enxeñaría Informática, que conta con materias de robótica industrial e similares. Trátase de carreiras desde as que se poden cursar mestrados específicos a posteriori sen complicacións.

Fai un mestrado específico

Unha das alternativas quizais máis socorrida desta lista é facer un mestrado. Aquí tamén dispomos de varias posibilidades. Hainos centrados na robótica e automatización, pero tamén para especializarse en cibernética e en Enxeñaría Mecatrónica. E aínda que chegados a este punto queda claro este terceiro, non ocorre o mesmo cos dous primeiros.

O de robótica e automatización céntrase nas tendencias na robótica industrial e de servizos —a parte na que as máquinas levan a cabo tarefas útiles para os humanos nun ámbito máis cotián— e aborda tamén as aplicacións da robótica móbil. O enfoque é máis ben práctico e require cursar Enxeñaría Industrial, Telecomunicacións, Informática, Enxeñaría Técnica Industrial ou similares previamente. Podes facer unha idea co plan de estudos da UC3M.

A cibernética estuda e aplica os sistemas de comunicación e regulación automática dos humanos a sistemas mecánicos e electrónicos que se parecen a eles. Trátase dunha rama ideal para aqueles que estean a pensar en “fabricar” humanoides. Os mestrados de cibernética e robótica adoitan ter partes de automatización, enxeñaría biomédica, microrrobótica, telerrobótica e robots autónomos. Tamén contan con materias de realidade virtual e aumentada, nanotecnoloxía, modelaxe de sistemas e mecatrónica.

Dentro do campo da robótica e cursando o grao en Enxeñaría Electrónica, Robótica e Mecatrónica, sería interesante facer un mestrado avanzado en Enxeñaría Mecánica, Ambiental, Sistemas de Enerxía Eléctrica e similares en función do noso campo preferido.

Cursos sobre Intelixencia Artificial, iniciación á Robótica e similares

Para aqueles que adoren a programación, existe multitude de cursos sobre Intelixencia Artificial, unha rama directamente relacionada coa robótica e co “cerebro” destas máquinas. Os cursos en robótica en liña e de iniciación á robótica gozan tamén de grande aceptación e non requiren unha formación previa tan avanzada.