Estas son as mellores horas do día para estudar e render ao máximo

Benedict Carey, xornalista científico do The New York Times e autor do libro How we learn, indica que ‘comer o libro’ xa non é preciso, é dicir, máis vale dosificar os nosos esforzos para facer do estudo unha actividade eficaz. Deixar todo para a última hora nunca funcionou. E a planificación, así como as horas que se estudan no día, son clave.

Neste sentido, o autor afirma que “o cerebro non é un músculo”. É algo máis: é un órgano sensible ao estado de ánimo, ao tempo, aos ritmos circadianos, ao ambiente e á situación. Rexistra moitos máis datos dos que conscientemente lle damos e engade detalles que non notamos”. Agora ben, coñecendo a teoría, cales son as mellores horas do día para estudar e render ao máximo?

A noite é para durmir, non para estudar

É probable que moitos estudantes non estean de acordo con esta afirmación. O ser humano é un ser de costumes e cando nos adaptamos a facer algo dunha determinada maneira, nós mesmos creamos a ilusión de que non hai outra mellor forma de facelo. No entanto, permítenos que falemos do que din os expertos.

Verónica Alarcón, psicóloga infantil experta en educación, considera clave durmir ben, pois “o sono é o que termina de consolidar a aprendizaxe. Aínda que non o creamos, durmindo tamén se aprende, polo que se non durmimos deixamos en branco unha actividade fundamental para consolidar o que queremos aprender”.

Durmir si, pero de noite?

E por que hai que durmir de noite? Primeiro porque estudar é unha tarefa que se debe alternar con outras. “De noite non temos outra opción que a de estudar, ou polo menos intentalo. Debemos pensar que o noso corpo está feito para descansar a esas horas”, afirman desde Aprendemas.com, expertos en formación e educación. E o que é peor: “hai estudantes que recorren á cafeína e mesmo a fármacos perigosos, para poderen manter o ritmo, o cal xera unha falsa realidade de estar esperto”.

No entanto, segundo Diego Santos, do portal para estudantes examtime.com, estudar de noite tamén ten vantaxes. En primeiro lugar, porque conseguimos silencio, tranquilidade e menos distraccións: “durante a noite a maioría da xente dorme e nin as redes sociais te poderán afastar dos teus estudos”. Ademais, apunta que “a noite pode incrementar a túa capacidade creativa e axudarche a ver conceptos cun punto de vista distinto.”

Comeza o día estudando

En xeral, como ben sabemos, canto máis avance o día máis cansados estaremos. A psicóloga Ángela Anguita apunta que “aproveitar as primeiras horas da mañá, fai que teñamos enerxía suficiente para desenvolver a nosa tarefa, iso si, se previamente descansamos o necesario. Se non descansaches, faino e estuda á tarde”. Pola súa parte, Javier Taborda, docente do Departamento de Estudos Educativos da Universidade de Caldas en Colombia, comenta que, para estudar, "as mellores horas son as da mañá, entre as 7:00 ou 8:00 e o mediodía”.

En calquera caso, e tal e como apunta unha investigación da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), o rendemento óptimo “conséguese cando hai un equilibrio entre o tempo de estudo e o sono”. Aínda que é certo que hai moitos estudantes que se concentran mellor á noite, hai que ter presente que se deben recuperar esas horas que roubamos ao sono por querer estudar. É por iso que o importante é coñecerse ben e adaptar as técnicas xerais ás tendencias e particularidades de cada hora.