O BBVA axuda o pequeno comercio en España a vender a distancia nunha semana

Ante a situación de peche temporal de comercios e co obxectivo de facilitar a súa recuperación, o BBVA está axudando os seus clientes en España a encontraren solucións sinxelas que lles permitan vender a distancia e xerar novos ingresos. A través dun programa formativo profesional e gratuíto, de dez sesións de seminario web, os pequenos comercios aprenderán en menos dunha semana as claves para venderen en redes sociais, WhatsApp ou correo electrónico, entre outras canles, así como as alternativas de medios de pagamento a distancia e as claves dunha boa loxística. Ademais, a entidade proporciona a estes negocios ferramentas sinxelas de cobramento a distancia que lles permitirán facer fronte ás distintas fases de desescalada tras o coronavirus.

Os pequenos comercios están preparando a volta á actividade nun contexto totalmente diferente ao anterior á crise, o que os obriga a se reinventaren para garantiren a súa supervivencia. Co obxectivo de axudalos a impulsaren a venda a distancia por canles dixitais, o BBVA lanzou un programa educativo, co que, en menos dunha semana, os clientes empresariais do BBVA aprenderán os tres pasos clave para comezar a venderen a distancia con efectividade.

Esta formación gratuíta para clientes da entidade consiste en dez sesións de webinario de 45 minutos nas que expertos en ‘e-commerce’, mercadotecnia e comunicación dixital lles ensinarán como vender por redes sociais como Instagram e Facebook, polo WhatsApp, así como por outras canles a distancia como Google, Amazon e Mailchimp. O seguinte paso para unha venda a distancia efectiva é coñecer os medios de pagamento e como realizar unha correcta entrega das mercadorías. Outras claves importantes que aprenderán os asistentes son a atención ao cliente a través do teléfono, WhatsApp ou correo electrónico, ademais de como resolver de forma adecuada as incidencias e devolucións.

A formación impartida pola consultora de Disrupción Digital INCIPY en colaboración coa INESDI Digital Business School comeza este 4 de maio e realizarase ata o día 8 de maio. Os contidos de cada sesión estarán dispoñibles para consulta na sección ‘Finanzas de un vistazo’ do web transaccional do BBVA, unha vez finalizado o programa formativo. Ademais, ao finalizar cada seminario web, os clientes poderán resolver as súas dúbidas, o que lles axudará a poren en práctica o aprendido. Unha iniciativa moi valorada polos clientes, xa que nas primeiras horas desde que abriu o proceso para inscribirse no curso se superaron as 600 inscricións.

Solucións BBVA de cobramento a distancia  

As restricións de mobilidade debidas á crise da COVID-19 mudaron os hábitos dos consumidores, moitos dos cales continuarán unha vez superada esta situación. Por iso, o BBVA, ademais de axudar os comercios a afrontaren esta nova situación, pon a disposición dos seus clientes empresariais solucións para facilitar o cobramento das súas vendas a distancia. Unha delas é o método de cobramento ‘Paygold’ que, sen necesidade de desenvolvementos informáticos nin de tenda en liña, permite enviar unha SMS ou correo electrónico cunha ligazón ao comprador para que este finalice o proceso de compra no teléfono móbil ou ordenador. Para iso, ten que premer sobre a ligazón recibida e, a seguir, introducir os datos de tarxeta ou as claves de pagamento con Bizum, todo nun contorno seguro. A utilización deste modo de pagamento multiplicouse por cinco desde o inicio da crise.

Ademais, os comercios tamén poden realizar os cobramentos cando entreguen a mercadoría ao cliente, con seguridade e sen contacto. Para iso contan co TPV móbil e, se prefiren ter o datáfono no teléfono móbil, dispoñen da ‘app’ BBVA Smartpay. Para poder usar esta aplicación, o comercio só ten que solicitar un datáfono de tamaño reducido e descargar a aplicación de SmartPay no móbil. Isto pódese realizar tanto desde Apple Store como desde Google Play. Vincúlanse ambos os dispositivos a través do bluetooth e xa está todo listo para aceptar pagamentos con tarxeta de maneira sinxela e rápida. 

No caso de que o cliente opte por pagar con tarxeta, só terá que teclear o PIN se a súa compra supera os 50 euros, o que reducirá ao máximo o risco de contaxio. Esta medida de ampliar temporalmente de 20 a 50 € o límite do pagamento ‘contactless’ foi adoptada polas entidades financeiras españolas co obxectivo de que os comercios poidan realizar a maioría das vendas sen contacto. A ampliación estará vixente mentres se manteñan as medidas extraordinarias ocasionadas polo coronavirus.

O BBVA quere estar, agora máis ca nunca, preto dos pequenos comercios para mitigar os efectos na súa actividade da crise do coronavirus e establecer as bases que garantan unha recuperación rápida dos seus negocios nas próximas fases de desescalada.

Solucións de cobramento en mobilidade e a distancia
Se para seguir coa túa actividade tes que dar o salto á venda en liña, a distancia por teléfono ou á venda a domicilio, coas nosas solucións axudámosche a continuar vendendo esteas onde estiveres.