Axuda ICO para o alugueiro por COVID-19

Desde o BBVA podemos axudar a reducir o impacto do coronavirus

Se es cliente do BBVA con anterioridade a 1 de abril de 2020, necesitas axuda para afrontar o pagamento do alugueiro da túa vivenda habitual e cumpres cos criterios de vulnerabilidade, podes solicitar un financiamento sen gastos nin xuros e co aval do Instituto de Crédito Oficial.

En que consiste a Axuda ICO Alugueiro COVID-19?

Se es cliente do BBVA con anterioridade a 1 de abril de 2020, estás a pagar un alugueiro pola túa vivenda habitual e te encontras nos supostos de vulnerabilidade pola COVID-19, podes solicitar a Axuda ICO Alugueiro para financiar, sen gastos nin xuros, o pagamento de ata 6 mensualidades, cun máximo de 5.400 € (900 € por mes) e un prazo de devolución de ata 6 anos, prorrogable excepcionalmente cun prazo complementario de 4 anos. Ademais, tamén poderás solicitar un período de carencia de 6 meses (é dicir, comezar a pagar o préstamo a partir do sexto mes).

A Orde ministerial TMA/378/2020, de 30 de abril, do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, desenvolve o previsto no Real decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, de medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Esta orde ministerial establece a definición dos criterios e requisitos para que os arrendatarios que se encontren en situacións de vulnerabilidade social e económica como consecuencia da expansión da COVID-19 poidan acceder ás axudas transitorias de financiamento na modalidade de préstamos avalados e subvencionados polo Estado para facer fronte ao alugueiro de vivenda habitual dos fogares.

Cales son os supostos de vulnerabilidade que permiten solicitar esta axuda?

A Axuda ICO Alugueiro por COVID-19 está destinada ás persoas que sexan arrendatarias de vivendas habituais, residentes en España e que ademais reúnan os seguintes requisitos: 

  • Que o arrendatario, ou polo menos unha persoa da unidade familiar¹, sufra redución nos seus ingresos como consecuencia da perda de emprego, ERTE, redución de xornada para coidados, cesamento de actividade en autónomos ou outras circunstancias provocadas pola COVID-19.
  • Que o conxunto de ingresos dos membros da unidade familiar no mes anterior á solicitude do préstamo fose dun máximo de 2.689,20 € (inferior a 5 veces o IPREM).
  • Que a renda arrendaticia máis os gastos e subministracións básicos² fose, no mes anterior á solicitude do préstamo, igual ou superior ao 35 % dos ingresos netos da unidade familiar.

 

  1. Por unidade familiar, para os efectos do ICO Alugueiros, enténdese a composta pola persoa que debe o arrendamento, o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita e os fillos, con independencia da súa idade, que residan na vivenda, incluídos os vinculados por unha relación de tutela, garda ou acollemento familiar e o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita, que residan na vivenda.
  2. Os gastos e subministracións básicas compóñense da suma do custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil e as posibles contribucións á comunidade de propietarios, todos eles da vivenda habitual que corresponda satisfacer ao arrendatario, referidos ao período dun mes.

 

Como se pode solicitar a Axuda ICO Alugueiro?

Para poder realizar a solicitude debes acudir á túa oficina BBVA, onde te axudarán a tramitala. Recomendámosche que consultes no separador “Documentación” desta mesma páxina que documentos necesitarás presentar. Ademais, deberás ter o teu enderezo electrónico validado no BBVA.

Ademais, podes contactar por teléfono coa túa oficina ou co teu xestor habitual para resolver calquera dúbida.

Que documentación require a Axuda ICO Alugueiro?

Para poder solicitar este financiamento, necesitarás presentar os seguintes documentos:

  • Formulario de solicitude de préstamo, completado e asinado por todas as persoas que o solicitan. 
  • DNI en vigor de todas as persoas que solicitan a axuda.
  • Contrato en vigor de arrendamento de vivenda habitual, onde figure a identificación do arrendador.
  • En caso de que non se incorpore o número de conta do arrendador no contrato de arrendamento, o certificado de titularidade de conta do arrendador.
  • Certificado de desemprego, ERTE (expedido pola entidade xestora das prestacións) ou certificado de cesamento de actividade no caso de autónomos (expedido pola AEAT ou órgano competente da CA), de calquera membro da unidade familiar que se encontre nesa situación como consecuencia da COVID-19. 
  • Libro de familia ou documento acreditativo de parella de feito da persoa que solicita. Só en caso de non existiren os documentos (a persoa que solicita non constitúe unidade familiar) se poderá presentar a declaración de non presentación (documento que facilitará un xestor do BBVA).
  • Certificado colectivo de empadroamento das persoas empadroadas na vivenda, na data actual. 
  • Certificado catastral, ou nota simple do servizo de índices do Rexistro da Propiedade, de todos os membros da unidade familiar.
  • Declaración responsable de tenza de vivenda, só no caso de que algún membro da unidade familiar teña unha vivenda en propiedade ou usufruto, pero non poida gozar dela por ser unha parte alícuota recibida en herdanza; non estar dispoñible por separación, divorcio ou outra causa xustificada; ou ser inaccesible para un membro da unidade familiar discapacitado.

Se antes do día 21 de xullo de 2020 a persoa que solicita a axuda presentou unha declaración responsable por imposibilidade de entregar o certificado de redución de ingresos (desemprego, ERTE ou cesamento de actividade) e/ou o certificado de empadroamento, disporá dun prazo de 3 meses a partir da finalización da última prórroga do estado de alarma para entregar ao BBVA eses certificados orixinais. 

O prazo para poder solicitar a Axuda ICO Alugueiro finalizará o día 9 de agosto de 2021. 

Normativa aplicada:

  • Real decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, de medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19. 
  • Orde TMA/378-/2020, de 30 de abril do MITMA, do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.
  • Resolución de 1 de maio de 2020, da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, pola que se publica o Convenio co Instituto de Crédito Oficial, E.P.E., para a xestión dos avais e da subvención de gastos e xuros por parte do Estado a arrendatarios na "Liña de avais de arrendamento COVID-19".