Solicitude de rescate de plans de pensións e EPSV por COVID-19

Desde o BBVA podemos axudar a reducir o impacto do coronavirus

O Real decreto 463/2020 recolleu uns supostos de liquidez excepcional como consecuencia da situación xerada pola COVID-19, tanto para plans de pensións como para EPSV.
Se es partícipe no BBVA dun destes produtos de aforro previsional e reúnes as condicións, poderás anticipar o cobramento.

Plans de pensións

En atención ao disposto no Real decreto-lei 11/2020 de 1 de abril (completado polo art. 23 do Real decreto-lei 15/2020, de 21 de abril), os partícipes de plans de pensións afectados pola situación económica xerada pola crise sanitaria poderán facer efectivos os seus dereitos consolidados nos seguintes supostos:

  • Traballadores por conta allea en situación legal de desemprego por un ERTE.
  • Empresarios que se viron obrigados a pechar o seu establecemento.
  • Autónomos que se viron obrigados a cesar a actividade.
Sempre que as referidas situacións (desemprego, peche ou cesamento) fosen debidas á situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Que período cobre este novo suposto excepcional?

Este suposto trata de cubrir a minoración de ingresos do partícipe pola súa actividade laboral ou económica que tivese lugar durante o estado de alarma (iniciado no día 14 de marzo de 2020) e ata un mes tras a súa finalización (data que nestes momentos se descoñece). O límite do importe que se poderá rescatar explícase detalladamente máis adiante.

Cando se pode realizar a solicitude?

  • Desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020).
  • Ata seis meses despois (14 de setembro de 2020).

En que prazo estarían aboados os dereitos consolidados?

Os pagamentos faranse efectivos dentro do prazo máximo de sete días hábiles, desde que o partícipe presente toda a documentación acreditativa que a continuación se detalla.

Que fiscalidade ten este novo suposto excepcional de liquidez?

Do mesmo xeito que o resto de continxencias e supostos excepcionais de liquidez, os importes cobrados neste novo suposto estarán suxeitos ao mesmo réxime fiscal establecido para as prestacións dos plans de pensións.

Información importante para o cliente

O cobramento en forma de capital, de conformidade co Real decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19 e coa doutrina administrativa existente para casos similares, só permitiría beneficiarse unha única vez da redución fiscal do 40 % (no caso de ter dereito a ela), polo que non se poderá volver aplicar esa redución en rescates posteriores respecto do mesmo suposto excepcional de liquidez.

EPSV

A Resolución de 25 de marzo de 2020, do director de Política Financeira do Goberno Vasco, autoriza aquelas entidades de previsión social voluntaria (EPSV) con plans de achega definida e que teñan recoñecida a prestación por desemprego ao pagamento desta a favor daqueles socios que se visen afectados por un ERTE ou por un ERE como consecuencia da situación provocada pola crise sanitaria da COVID-19, aínda cando non se cumpran os requisitos establecidos na Lei de EPSV e no Regulamento de EPSV.

Que socios poden solicitar este novo suposto excepcional de liquidez?

  • Traballadores por conta allea en situación legal de desemprego por un ERE ou por un ERTE.
  • Traballadores autónomos que sufrisen perda ou cancelación de actividade.

Sempre que as referidas situacións (desemprego ou perda ou cancelación de actividade) fosen debidas á situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Cal é o período que comprende este novo suposto excepcional?

  • Desde o mesmo día en que o socio se ve afectado polo ERE ou polo ERTE.
  • Ata a data en que finaliza o ERE ou o ERTE.

En que prazo estarían aboados os dereitos consolidados?

Os pagamentos faranse efectivos dentro do prazo máximo de cinco días hábiles, desde que o socio presente toda a documentación acreditativa que a continuación se detalla.

Que fiscalidade ten este novo suposto excepcional de liquidez?

Do mesmo xeito que o resto de continxencias e supostos excepcionais de liquidez, os importes cobrados neste novo suposto estarán suxeitos ao mesmo réxime fiscal establecido para as prestacións das EPSV.

Os dereitos consolidados nos produtos afectados poden ser rescatados cando se dean algunhas das continxencias ou dos supostos excepcionais de liquidez a pedimento do partícipe.

Se estás afectado por unha das situacións descritas e che interesa solicitar o rescate, ponte en contacto co xestor da túa oficina, que se encargará de facer os trámites.

Prestación de plans de pensións

Co fin de poder levar a cabo o pagamento da prestación derivada do estado de alarma pola COVID-19, o partícipe deberá acreditar que se acha nesa situación mediante a presentación da seguinte documentación:

1. Traballadores por conta allea

Documentación:

  • Fotocopia do DNI do titular (ambas as caras).
  • Solicitude debidamente cuberta e asinada polo partícipe, con indicación da conta de aboamento do partícipe.
  • Comunicado da empresa que acredite que o partícipe está afectado polo ERTE consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (ten que establecer as condicións en que se lle aplica o ERTE, xa sexa suspensión temporal de emprego ou redución da xornada laboral, con especificación, neste último caso, da porcentaxe de redución).

Se o partícipe non puidese presentar este documento, poderao substituír por unha declaración responsable que inclúa a xustificación expresa dos motivos, relacionados coas consecuencias da crise da COVID-19, que lle impiden presentalo (modelo no Anexo I). Tras a finalización do estado de alarma disporá do prazo dun mes para presentar o comunicado; en caso de non o facer, a entidade xestora resérvase o dereito de anular os pagamentos efectuados.

  • Última nómina completa previa á situación de desemprego.

Periodicidade e forma de pagamento:

  • Cada pagamento que se efectúe será por solicitude expresa do partícipe.
  • O partícipe non poderá realizar máis dunha solicitude ao mes:
    • Para a primeira solicitude, o partícipe terá dispoñible para rescatar os salarios (cos límites indicados na epígrafe seguinte) que se deixasen de percibir no mes ou nos meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) e ata a data desa primeira solicitude.
    • Na segunda e posteriores solicitudes, serán os referidos ao mes ou aos meses vencidos non abarcados por solicitudes aboadas previamente.
  • O partícipe non poderá solicitar importes que correspondan a salarios netos que se devindiquen despois do día en que se complete un mes desde a finalización do estado de alarma.

Importes que se percibirán:

  • Aboarase o importe solicitado polo partícipe, sempre que non sexa superior ao límite descrito a seguir. Se o importe solicitado fose superior ao límite, o importe que se aboaría sería igual a ese límite.
  • Límite = a menor das seguintes cantidades:
    • Salarios netos deixados de percibir no mes ou meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata a data de solicitude e non cubertos por solicitudes aboadas previamente; ou 
    • 3 veces o IPREM correspondente a ese mes ou meses (son 1.645,80 € por mes).

Cómputo máximo de meses igual á vixencia do estado de alarma máis un mes adicional.

  • Se o partícipe decide rescatar varios plans de pensións, o límite aplicarase á suma que se percibirá polo conxunto de todos os plans que pretende rescatar.
  • En ningún caso o importe que se aboe poderá ser superior aos dereitos consolidados do partícipe no plan de pensións.
  • O importe que se aboe estará suxeito en todo caso ao réxime fiscal establecido para as prestacións dos plans de pensións.

2. Autónomos

Documentación:

  • Fotocopia do DNI do titular (ambas as caras).
  • Solicitude debidamente cuberta e asinada polo partícipe, con indicación da conta de aboamento do partícipe.
  • Cesamento de actividade:
    • Certificado expedido pola AEAT ou polo órgano competente da comunidade autónoma, sobre a base da declaración de cesamento de actividade declarada polo interesado.
    • Comunicado ou resolución da Seguridade Social ou mutua colaboradora correspondente coa aprobación do cobramento por parte do partícipe da prestación extraordinaria por cesamento de actividade regulada no art. 17 do Real decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo.
  • Redución de facturación en polo menos un 75 %:
    • Comunicado ou resolución emitida pola Seguridade Social ou mutua colaboradora correspondente coa aprobación do cobramento por parte do partícipe da prestación extraordinaria por redución de facturación regulada no art. 17 do Real decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo.

Se o partícipe non puidese presentar este documento, poderao substituír mediante unha declaración responsable que inclúa a xustificación expresa dos motivos, relacionados coas consecuencias da crise da COVID-19, que lle impiden presentalo (modelo no Anexo III). Tras a finalización do estado de alarma disporá do prazo dun mes para presentar o certificado; en caso de non o facer, a entidade xestora resérvase o dereito de anular os pagamentos efectuados.

  • Última declaración anual dispoñible do IRPF (modelo 100) e, se for o caso, o pagamento fraccionado do IRPF (modelos 130 ou 131) ou autoliquidación do IVE correspondentes ao último trimestre (modelo 303).
  • Declaración responsable na que cuantifique o importe mensual de redución de ingresos (modelo no Anexo IV).

Periodicidade e forma de pagamento:

  • Cada pagamento que se efectúe será por solicitude expresa do partícipe.
  • O partícipe non poderá realizar máis dunha solicitude ao mes:
    • Para a primeira solicitude, o partícipe terá dispoñible para rescatar os ingresos netos estimados (cos límites indicados na epígrafe seguinte) que se deixasen de percibir no mes ou nos meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) e ata a data desa primeira solicitude.
    • Na segunda e posteriores solicitudes, serán os referidos ao mes ou aos meses vencidos non abarcados por solicitudes aboadas previamente.
  • O partícipe non poderá solicitar importes que correspondan a ingresos netos que estima que obtivo despois do día en que se complete un mes desde a finalización do estado de alarma.

Importes que se percibirán

  • Aboarase o importe solicitado polo partícipe, sempre que non sexa superior ao límite descrito a seguir. Se o importe solicitado fose superior ao límite, o importe que se aboaría sería igual a ese límite.
  • Límite = a menor das seguintes cantidades:
    • Ingresos netos estimados deixados de percibir no mes ou meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata a data de solicitude e non cubertos por solicitudes aboadas previamente; ou
    • 3 veces o IPREM correspondente a ese mes ou meses (son 1.645,80 € por mes).

Cómputo máximo de meses igual á vixencia do estado de alarma máis un mes adicional.

Como se calculan os ingresos netos estimados por mes:

- Modelo 100 declaración IRPF (anual): tomarase como referencia o importe que figura como base liquidable sometida a gravame (casa 500/505) e dividirase entre 12 meses.

- Modelo 130 pagamento fraccionado IRPF (trimestral): tomarase como referencia o importe que figura do rendemento neto (casa 03) e dividirase entre 3 meses.

- Modelo 131 pagamento fraccionado IRPF (trimestral): tomarase como referencia o importe que figura do rendemento neto (casa 01) e dividirase entre 3 meses.

- Modelo 303 autoliquidación IVE (trimestral): tomarase como referencia a suma das casas 01-04-07-10-13 e 16 e dividirase entre 3 meses.

- Declaración responsable: o importe de ingresos netos estimados mensuais declarado polo partícipe.

En caso de discrepancia entre a declaración fiscal e a responsable, prevalecerá a fiscal; dentro das declaracións fiscais, prevalecerán as do último trimestre sobre as do último exercicio anual.

Nota: a declaración responsable na práctica solicítase porque a normativa así o esixe

  • Se o partícipe decide rescatar varios plans de pensións, o límite aplicarase á suma que se percibirá polo conxunto de todos os plans que pretende rescatar.
  • En ningún caso o importe que se aboe poderá ser superior aos dereitos consolidados.

3. Empresario titular dun establecemento

Documentación:

  • Fotocopia do DNI do titular (ambas as caras).
  • Solicitude debidamente cuberta e asinada polo partícipe, con indicación da conta de aboamento do partícipe.
  • Declaración do empresario na que manifeste baixo a súa responsabilidade a suspensión da apertura ao público do seu establecemento como consecuencia do establecido no artigo 10 do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, así como o importe mensual de redución de ingresos (modelo no Anexo II).
  • Última declaración anual dispoñible do IRPF (modelo 100) e, se for o caso, o pagamento fraccionado do IRPF (modelos 130 ou 131) ou autoliquidación do IVE correspondentes ao último trimestre (modelo 303).

Periodicidade e forma de pagamento:

  • Cada pagamento que se efectúe será por solicitude expresa do partícipe.
  • O partícipe non poderá realizar máis dunha solicitude ao mes:
    • Para a primeira solicitude, o partícipe terá dispoñible para rescatar os ingresos netos estimados (cos límites indicados na epígrafe seguinte) que se deixasen de percibir no mes ou nos meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) e ata a data desa primeira solicitude.
    • Na segunda e posteriores solicitudes, serán os referidos ao mes ou aos meses vencidos non abarcados por solicitudes aboadas previamente.
  • O partícipe non poderá solicitar importes que correspondan a ingresos netos que estima que obtivo despois do día en que se complete un mes desde a finalización do estado de alarma.

Importes que se percibirán:

  • Aboarase o importe solicitado polo partícipe, sempre que non sexa superior ao límite descrito a seguir. Se o importe solicitado fose superior ao límite, o importe que se aboaría sería igual a ese límite.
  • Límite = a menor das seguintes cantidades:
    • Ingresos netos estimados deixados de percibir no mes ou meses vencidos desde o inicio do estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata a data de solicitude e non cubertos por solicitudes aboadas previamente; ou
    • 3 veces o IPREM correspondente a ese mes ou meses (son 1.645,80 € por mes).

Cómputo máximo de meses igual á vixencia do estado de alarma máis un mes adicional.

Como se calculan os ingresos netos estimados por mes:

- Modelo 100 declaración IRPF (anual): tomarase como referencia o importe que figura como base liquidable sometida a gravame (casa 500/505) e dividirase entre 12 meses.

- Modelo 130 pagamento fraccionado IRPF (trimestral): tomarase como referencia o importe que figura do rendemento neto (casa 03) e dividirase entre 3 meses.

- Modelo 131 pagamento fraccionado IRPF (trimestral): tomarase como referencia o importe que figura do rendemento neto (casa 01) e dividirase entre 3 meses.

- Modelo 303 autoliquidación IVE (trimestral): tomarase como referencia a suma das casas 01-04-07-10-13 e 16 e dividirase entre 3 meses.

- Declaración responsable: o importe de ingresos netos estimados mensuais declarado polo partícipe.

En caso de discrepancia entre a declaración fiscal e a responsable, prevalecerá a fiscal; dentro das declaracións fiscais, prevalecerán as do último trimestre sobre as do último exercicio anual.

Nota: a declaración responsable na práctica solicítase porque a normativa así o esixe.

  • Se o partícipe decide rescatar varios plans de pensións, o límite aplicarase á suma que se percibirá polo conxunto de todos os plans que pretende rescatar.
  • En ningún caso o importe que se aboe poderá ser superior aos dereitos consolidados do partícipe no plan de pensións.
  • O importe que se aboe estará suxeito en todo caso ao réxime fiscal establecido para as prestacións dos plans de pensións.

Prestación de EPSV por ERTE ou ERE

1. Traballadores por conta allea:

Documentación:

  • Fotocopia do DNI do titular (ambas as caras).
  • Solicitude debidamente cuberta e asinada polo socio, con indicación da conta de aboamento do socio.
  • Documento acreditativo de estar afectado por un ERE ou un ERTE derivado da situación excepcional provocada pola crise sanitaria da COVID-19.
  • Xustificante do cobramento da prestación por desemprego por parte do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
  • Última nómina completa previa á situación de desemprego.

Periodicidade, e importes que se percibirán:

  • O socio deberá acreditar con carácter mensual e ata que dure a situación de desemprego, que se encontra nesa situación mediante a acreditación da documentación xa indicada.
  • Supostos de ERTE:
    • Consistirá nunha renda mensual.
    • A renda será igual á diferenza entre o 100 % da base reguladora sobre a que se calcula a prestación por desemprego e a porcentaxe da base reguladora que perciba o traballador como consecuencia do ERTE.

(Isto é, a normativa pretende que o socio perciba en total, pola suma da prestación por desemprego aboada polo SEPE e a prestación por desemprego que obteña da EPSV, o 100 % de base reguladora).

  • Supostos de ERE:
    • Consistirá nunha renda mensual.
    • Suxeitas ás mesmas condicións que a prestación por desemprego regulada na Lei e no Regulamento de EPSV.

2. Traballadores autónomos:

Documentación:

  • Fotocopia do DNI do titular (ambas as caras).
  • Solicitude debidamente cuberta e asinada polo socio, con indicación da conta de aboamento do socio.
  • Documento acreditativo da cancelación da actividade por estar afectado pola situación excepcional provocada pola crise sanitaria da COVID-19.
  • Documento acreditativo onde se indique que ten dereito a percibir prestación por desemprego.
  • Última declaración anual dispoñible do IRPF (modelo 100) e, se for o caso, o pagamento fraccionado do IRPF (modelos 130 ou 131) ou autoliquidación do IVE correspondentes ao último trimestre (modelo 303).
Periodicidade e importes que se percibirán:
  • O socio deberá acreditar con carácter mensual e ata que dure a situación de desemprego, que se encontra nesa situación mediante a acreditación da documentación xa indicada.
  • Igual que no suposto de ERTE dos traballadores por conta allea.