O BBVA doa 35 millóns de euros para a loita contra o coronavirus

A maior parte da axuda será destinada á adquisición de material médico prioritario

A doazón do BBVA destinada a combater a COVID-19 nos países onde opera elevouse a 35 millóns de euros, desde os 25 millóns de euros anunciados inicialmente. Hai uns días, o presidente do Grupo BBVA, Carlos Torres Vila, explicaba que a entidade debe “dar un paso á fronte” e usar todas as súas capacidades e recursos “para salvar vidas, aliviar o impacto económico e axudar a outros a superar esta difícil situación”.

Carlos Torres Vila, que destacaba a importancia dos “esforzos coordinados das autoridades, dos supervisores, das empresas, da sociedade no seu conxunto”, referíase tamén ao rol das entidades financeiras como “parte importante da solución”.  “Podemos e debemos facer todo o que está na nosa man, que é moito, para axudar a superar o problema e, sen dúbida, superaremos o problema”, manifestaba.

Ademais de axudas a organizacións sociais, a maior parte dos 35 millóns de euros está destinada á adquisición de material médico prioritario, especialmente respiradores.

Ata agora, e nun contexto de escaseza mundial, xa chegaron a España (un dos países máis afectados) dous cargamentos de material sanitario procedentes da China. Un primeiro envío aterrou o sábado 28 de marzo en Barcelona con 260 respiradores para apoio fóra de UCI que xa foron distribuídos a distintos hospitais a nivel nacional. O segundo envío aterrou no aeroporto de Zaragoza este martes con 13 respiradores para UCI e outros 740 respiradores para apoio fóra de UCI que tamén foron distribuídos. E nesta mesma semana chegará un terceiro envío a España con 400.000 máscaras.

O uso destes equipamentos de respiración mecánica, tanto nas UCI como noutras áreas hospitalarias, resulta clave para salvar as vidas de pacientes cuxos pulmóns foron afectados polo virus, xa que estas máquinas lles dan tempo para combater a infección e poder, así, recuperarse.

O BBVA pon a disposición do Ministerio de Sanidade español todo este material e encárgase tamén da loxística do seu traslado dentro de España, segundo as prioridades marcadas polas autoridades sanitarias. A alianza público-privada está a ser clave para acelerar a compra de equipamentos, garantir prezos razoables e asegurar unha entrega oportuna dos bens.

Igualmente, no resto de países onde o BBVA está presente, os esforzos prioritarios estanse destinando á adquisición de equipamentos médicos para apoiar as autoridades sanitarias locais. México e Turquía serán os primeiros países en recibiren respiradores nas próximas semanas. O BBVA en México anunciaba recentemente un plan de accións de responsabilidade social para sumarse ás diversas iniciativas do Goberno e as organizacións empresariais e civís para facer fronte á pandemia.

Os 35 millóns de euros anunciados dedicaranse fundamentalmente á adquisición e doazón de equipamento médico e ás axudas a programas e iniciativas de organizacións sociais locais.