O BBVA súmase á Cruz Vermella

O BBVA uniuse á campaña da Cruz Vermella pola COVID-19 a través de Bizum.

O BBVA uniuse ao plan posto en marcha en España pola Cruz Vermella co obxectivo de reducir o impacto social da pandemia COVID-19, a maior mobilización de recursos da súa historia. Para iso, a partir do día 26 de marzo facilitouse aos clientes a posibilidade de realizaren doazóns vía Bizum que son destinadas a máis de 20 accións dirixidas á poboación en xeral e a persoas en situación de vulnerabilidade. As doazóns xa alcanzaron os 630.000 €.

Ante a situación de emerxencia pola crise do coronavirus, o BBVA puxo en marcha unha campaña ata o mes de decembro que ten como fin a recadación de fondos para axudar os máis afectados polo coronavirus. Os clientes que queiran colaborar poderán realizar as súas doazóns a través da app ou do web do BBVA. Simplemente teñen que acceder a Bizum, premer sobre ‘Facer achega a unha causa solidaria’, introducir o código 33467 e a cantidade que queiran achegar.

Todo o recadado será destinado durante dous meses, e de maneira íntegra, ao plan A Cruz Vermella RESPONDE fronte ao coronavirus. Esta organización humanitaria traballa para contribuír a reducir a morbilidade, a mortalidade e o impacto social da pandemia COVID-19 no ámbito nacional e internacional.

A maior mobilización de recursos da súa historia

Este plan, no que a Cruz Vermella involucra todas as súas áreas de actuación, é a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas desta organización na súa historia. Un plan concreto que pretende alcanzar máis de 1.350.000 persoas cun orzamento estimado de 11 millóns de euros, ao que se poderá sumar todo aquel que queira contribuír.

A través de 22 accións, o plan pretende mobilizar máis de 40.000 persoas voluntarias que materializarán as respostas previstas en todo o Estado a través dos seus máis de 1.400 puntos de atención. Case un millón de persoas recibirán atención e acompañamento telefónico, 25.000 familias recibirán bens básicos, 16.000 persoas serán apoiadas en materia de emprego e 3.000 persoas sen fogar terán un lugar para durmir.

Baixo o lema ‘queda na casa, porque só así poderemos axudar a cambiar esta situación e mellorar as condicións de doentes, sanitarios e todos os que continúan a traballar día a día’, podes co BBVA dar un paso máis colaborando coa Cruz Vermella de maneira sinxela a través da plataforma Bizum.

Fai a túa doazón sempre que queiras

Os clientes do BBVA en España que utilicen as canles dixitais (a aplicación ou o web do banco) poden materializar a súa solidariedade en calquera momento achegando cantidades de ata 500 euros por operación, cun máximo de 1.200 euros ao día e 5.000 euros ao mes, a varias ONG mediante a ferramenta Bizum.

Unha vez aceptados os termos e condicións desta funcionalidade, de forma instantánea e segura é posible colaborar con diferentes proxectos sen ánimo de lucro que se adherisen a esta iniciativa. Cada fundación ten un código que será o que se insira no campo habilitado para el e os fondos serán transferidos dunha conta para outra inmediatamente. Cáritas Española, ACNUR ou Cruz Vermella Española xa poden recibir achegas por este medio.

Súmate á campaña da Cruz Vermella a través de Bizum.
Súmate á campaña da Cruz Vermella a través de Bizum.